Bisbarra, 1 de outubro do 2024 – O concello de Rois segue dando pasos cara a constitución da súa propia comunidade enerxética e informou á veciñanza cunha charla no multiusos.
O obxectivo era explicar en que consiste a comunidade enerxética e os beneficios que pode ter para a veciñanza que participe nela. As persoas interesadas en participar do proxecto poden xa solicitar o ingreso na entidade, unha comunidade sen ánimo de lucro liderada polo concello.
Na charla participaron unha trintena de persoas que escoitaron as explicacións ofrecidas por Daniel Ferreirós, de Losa Abogados; e por Susana Rodríguez e Laura Llanos, de Sertogal Ingeniería. A comunidade enerxética local de Rois xa solicitou a inscrición no rexistro de asociacións.
Segundo informou o avogado Daniel Ferreirós, a partir de este mes as veciñas e veciños de Rois poderán solicitar nas oficinas municipais o formulario para asociarse e consultar os estatutos. Poden formar parte da comunidade enerxética persoas físicas, pequenas e medianas empresas e o propio Concello.
O obxectivo é buscar a autosuficiencia enerxética e promover a sustentabilidade, xerando enerxía a partir de fontes renovables como as placas solares. Na actualidade, tanto a Unión Europea e do IDAE (Ministerio de Industria) están a priorizar as comunidades enerxéticas sobre os particulares na concesión de subvencións, segundo explicaron as técnicas de Sertogal.
A comunidade enerxética local solicitará subvencións para a instalación de placas fotovoltaicas nos polideportivos de Rois e de Urdilde, por ser estes os equipamentos locais con maior superficie de cuberta. O número de paneis solares a instalar variará en función dos quilovatios solicitados por cada persoa ou entidade asociada.
Na reunión Susana Rodríguez e Laura Llanos explicaron que se unha persoa merca 2 kW desa instalación, recibirá un desconto equivalente en cada factura da luz. As técnicas engadiron que a súa empresa fará un estudo pormenorizado das facturas de cada persoa ou entidade asociada para recomendarlle o número de quilovatios que necesitan mercar en función do seu consumo, para obter un maior desconto.
Doutra banda, aquelas persoas que residan a menos de dous quilómetros das instalacións fotovoltaicas estarán exentas do pago das peaxes por transporte e distribución da enerxía dos quilovatios que adquiran, reducindo tamén a factura por este concepto.
En función da demanda dos asociados á comunidade enerxética, poderíanse instalar placas noutros edificios públicos a maiores dos pavillóns polideportivos, para ampliar as persoas beneficiarias deste aforro por peaxes.
Un caso real exposto polas técnicas de Sertogal, foi o dun particular doutra comunidade enerxética galega que, cunha potencia contratada de 3,5 kW, chegou a aforrar preto de 500 euros ao ano na factura da luz.
A estimación de Rodríguez e Llanos do custe de adquisición dun quilovatio nunha comunidade enerxética como a de Rois oscile entre 800 e 1000 euros, que se aboan nun pago único. O investimento inicial adoita amortizarse nun prazo de catro anos, informaron.
Asociarse á comunidade enerxética local é gratuíto.
Segundo explicaron os tres especialistas, no momento de executar o proxecto é cando cada asociado decide se quere ou non mercar quilovatios e que cantidade desexa, despois de recibir o asesoramento personalizado.
A comunidade enerxética local de Rois foi constituída polo Concello e dous particulares para poder optar a unha importante subvención da Xunta de Galicia que había que xustificar antes do 30 de setembro.