Rois, 21 de maio do 2020 – O concello de Rois admite ata o 15 de xuño traballos para o Certame artístico e literario de relato breve e poesía.
O Certame artístico fora suspendido co decreto do estado de alarma no mes de marzo. Agora o concello decidiu reactivalo aínda que con algúns cambios.
No Certame artístico e literario de relato breve e poesía poden participar todas as persoas que o desexen, sen límite de idade, establecéndose diferentes categorías: ata 6 anos, 7 e 8 anos, de 9 a 11, de 12 a 14, de 15 a 17 e maiores de 18 anos.
Os concursantes deberán remitir por correo electrónico, ao enderezo cultura@rois.es, os seus traballos. Os maiores de 11 anos deberán mandar as súas obras escritas a ordenador, mentres que para os menores desa idade permítese que envíen unha fotografía do seus traballos se os fan a man.
Os traballos deberán incorporar algún elemento característico do concello de Rois, ademais de estar escritos en galego, ser orixinais e inéditos e ter un máximo de dez folios no caso de narrativa e de entre 10 e 60 versos os poemas. As persoas que non manexen a lectoescritura e os máis pequenos, na categoría de ata seis anos, poden presentar un debuxo.
O prazo de entrega de orixinais remata o 15 de xuño e deberán enviarse por correo electrónico a cultura@rois.es, remitindo dous arquivos. Nun figurará o traballo que se presenta a concurso (en formato word, pdf, ou jpg para os máis pequenos) e, no outro arquivo, a ficha dos datos que figuran na cláusula sexta (nome e apelidos, enderezo, data de nacemento, teléfono de contacto e título do traballo, así como o nivel educativo e o centro no caso de que o participante estea escolarizado).
A entrega de premios ás dúas mellores obras de cada categoría celebrarase unha vez finalice o estado de alarma e así o permitan as autoridades.
Premios
Na categoría de 15-17 anos, os premios serán en metálico, cun importe de 60 euros para os primeiros e 30 euros para os segundos. Na categoría de maiores de 18 anos, os premios, tamén en metálico, serán de 100 euros para os primeiros e 50 euros para os segundos. No resto das categorías, os premios consistirán nun lote de libros. Todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo.