Rois, 23 de setembro do 2020 – O pleno municipal de Rois ven de aprobar, por unanimidade, a dotación de herba artificial ao campo de fútbol de Urdilde por un importe de 357.402 euros.
O concello publicará as bases e cláusulas do expediente e abrirase un período de 26 días para a presentación de propostas. A colocación de herba artificial en Urdilde foi incluída no POS+ 2020 da Deputación da Coruña.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, mostrouse crítico co organismo provincial xa que consideraba que a obra era merecedora dunha subvención nominativa “o presidente da Deputación da Coruña díxonos que esta era a única vía, cando o normal sería que se incluíran estas obras nunha subvención nominativa. Noutros concellos a Deputación fixo campos de herba artificial sen metelos no POS, e a nós dinos que temos que metelo neste programa, que xa nos corresponde por lei”.
O grupo socialista solicitou que se incluíran algunhas melloras no proxecto, como aseos públicos, cubrir todas as bancadas e colocar novo sistema de iluminación con torres de luces led, “pedíndolle axuda á Xunta de Galicia, para que invista tamén algo en Rois, e que non sexa só a Deputación quen apoie”.
Plan de emprego
Cos votos a favor de PP e PSdeG, e coa abstención do BNG, na sesión tamén se ratificaron as resolucións da alcaldía para aprobar o convenio cos concellos de Padrón, Dodro, Pontecesures e Valga para un novo Programa Integrado de Emprego e, ao mesmo tempo, solicitar o obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil 2020.
A moción do BNG de Rois para solicitar melloras no protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 para o inicio do presente curso (reclamando máis profesores, persoal sanitario e menor ratio de alumnos por aula) foi rexeitada cos votos do PP (6 concelleiros), ao considerar que os protocolos da Xunta son axeitados. BNG (1) e PSdeG (3 concelleiros) votaron a favor.
Tamén foi rexeitada co mesmo resultado (6 votos en contra e 4 a favor) a moción do PSdeG para elaborar en Rois un catálogo de represaliados e vestixios da ditadura franquista, en cumprimento da Lei de memoria histórica. O equipo de goberno argumentou o seu voto en contra porque se está a tramitar unha nova lei, e quedan á espera do que ditamine a mesma.
O PP retirou a súa moción reclamando ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais, tres ser rexeitado polo Congreso o decreto de remanentes dos concellos.