Rois, 13 de febreiro do 2020 – O Concello de Rois aprobou nun pleno extraordinario o orzamento municipal para o presente exercicio, que ascende a 3,7 millóns de euros.
Na sesión, ademais do orzamento, quedaron ratificados definitivamente o Regulamento Orgánico da Corporación, a desafectación dun camiño en Liñares, un convenio con Aluminios Cortizo, e a conta xeral de 2018. Por unanimidade, quedou aprobada inicialmente a ordenanza para a concesión de licenzas de taxi e vehículos de aluguer.
Rois incrementa este ano os orzamento, en algo máis do dous por cento respecto do ano pasado. Dos 3,7 millóns de euros, destinará 616.807 a inversións reais e 1,85 millóns a bens correntes e servizos que dende o Concello se prestan á veciñanza. Os gastos de persoal representan un millóns de euros, unha partida que se incrementa lixeiramente, debido a municipalización do servizo de axuda no fogar, para o que se contratarán seis novas traballadoras. Para gastos financeiros só están contemplados 2.200 euros e 140.000 para transferencias correntes
No apartado de ingresos, o Concello de Rois recibirá 1,77 millóns de transferencias correntes procedentes doutras administracións, sendo esta a partida máis importante. Por impostos directos está previsto recibir 828.000 euros e outros 450.000 de impostos indirectos, así como 389.000 de taxas e outros ingresos. En operacións de capitán están consignados 257.990 euros.
O orzamento aprobouse cos votos a favor do PP (7) e en contra do PSOE (3). A aprobación da conta xeral de 2018 tamén foi aprobada cos votos do equipo de goberno e a abstención dos socialistas.
Por unanimidade aprobouse inicialmente a ordenanza fiscal reguladora da taxa por concesión de licenzas de taxi e demais vehículos de aluguer. Rois conta actualmente con catro licenzas de taxi, e está previsto ofertar dúas ou tres máis, algunha delas para vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, segundo explicou o alcalde.
Con esta ordenanza pretende regular non só a nova concesión, senón tamén a transmisión das actuais licenzas. A norma, que se someterá a exposición pública, establece unha taxa de 300 euros para a concesión de novas licencias, de 150 para a transmisión en caso de falecemento do titular, e de 1.500 se a transmisión se fai en vida.
A aprobación definitiva da desafectación dun camiño en liñares foi aprobada con 8 votos a favor (o PP e o socialista José Manuel Iglesias) e os votos en contra dos socialistas Manuel Regueira e Patricia Ces, que amosaron as súas dúbidas sobre como se desenvolveu este procedemento.
O convenio con Aluminios Cortizo foi aprobado definitivamente por unanimidade da Corporación, mentres que o Regulamento Orgánico da Corporación saíu adiante cos votos do equipo de goberno e en contra do grupo socialista.