займ срочно

Rois aproba a continuidade do proxecto da nova edar de Urdilde

0

Rois, 19 de maio do 2022 – O pleno de Rois aprobou por unanimidade o proxecto de obra, redactado por Augas de Galicia, para a nova estación depuradora, EDAR, de Urdilde.

Ademais do trámite da EDAR, o pleno do concello de Rois aprobou solicitar unha subvención á Deputación para  rehabilitar a vella escola unitaria de Urdilde. O obxectivo e instalar en este lugar un Punto de Atención á Infancia que facilite a conciliación laboral e familiar.

Imaxen de arquivo dun pleno anterior

Ademais destas dúas propostas do equipo de goberno popular tamén se aprobou a moción do BNG solicitándolle ao Goberno central e á Xunta por en marcha medidas para frear a inflación ou mitigar as súas consecuencias na economía.

EDAR de Urdilde

O proxecto para construír a nova depuradora de Urdilde, que suporá un investimento de arredor dun millón de euros, foi redactado por Augas de Galicia, dependente da Conselleria de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, que tamén executará as obras.

O convenio fora xa asinado polo alcalde, Ramón Tojo, e a conselleira Ethel Vázquez, o pasado 22 de decembro. O pleno deulle a súa conformidade ao documento, para continuar cos trámites administrativos e poder iniciar as obras no segundo semestre deste ano.

Tamén por unanimidade se aprobou a proposta do equipo de goberno de solicitarlle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de 80.000 euros para rehabilitar a vella escola unitaria de Urdilde para crear alí un Punto de Atención á Infancia. O proxecto presentado ascende a 102.000 euros, asumindo o Concello de Rois máis de 22.000 euros de investimento. A petición faise para atender as necesidades da poboación da zona norte do municipio e porque as 38 prazas da escola infantil a Galiña Azul de Rois son insuficientes para atender a forte demanda.

Dende a oposición, aínda que recoñeceron a importancia da proposta e votaron a favor, o BNG criticou que o goberno local rebaixe as expectativas en vez de ampliar a Galiña Azul propoña agora construír un Punto de Atención á Infancia, e o PSdeG considera que hai falta de compromiso da Consellería de Política Social para ampliar as prazas da escola infantil existente.

O alcalde, Ramón Tojo, sinalou que xa dende a Xunta, o Consorcio Galego de Benestar farase cargo do funcionamento e mantemento do PAI, e que se sigue negociando a construción dunha nova Galiña Azul con máis prazas. “Con esta proposta podemos dar unha solución axeitada e máis rápida á veciñanza de Urdilde, para facilitarlles un servizo de conciliación”, engadiu o tenente de alcalde Manuel dos Santos.

Outro dos puntos nos que houbo unanimidade no pleno foi a hora de debater a proposta do BNG para solicitarlle ao Goberno central e á Xunta que poñan en marcha medidas e actuacións para mitigar o impacto do disparado crecemento da inflación, como reducir o IVE de produtos básicos, axudas puntuais para o sector agrario e pesqueiro, complementar a RISGA ou ampliar a bolsa de vivendas sociais.

A proposta socialista para elaborar un catálogo de árbores senlleiras en Rois, que contou co apoio do BNG, foi rexeitado polo equipo de goberno local. Ramón Tojo sinalou que no colexio de Rois, coordinado polo exalcalde e profesor xa xubilado Penas Patiño, xa se tiña elaborado un relación de árbores senlleiras, “que pode servir de base para facer ese catálogo municipal,  xa que o propio Penas Patiño nos autoriza a trasladado ao concello para facelo institucional”.

O plan de remuda de marquesiñas municipais proposto polo grupo nacionalista tamén foi rexeitado cos votos do equipo de goberno. O alcalde alegou que xa se estaban facendo tarefas de mantemento e de substitución paulatina das marquesiñas máis deterioradas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies