Bisbarra, 19 de outubro do 2022 – O concello de Rois pide apoio para Manuel Rodríguez, un gandeiro que perdeu esta fin de semana nove vacas polo que parece unha intoxicación.

O concello xa está realizando xestións contacto cos técnicos da Consellería de Medio Rural para coñecer a orixe da intoxicación e buscar fórmulas para axudar a este veciño. Mentres tanto abriuse unha conta bancaria ES49 2080 0328 9031 1000 0042 para que poida comprar canto antes novas vacas.
O alcalde, Ramón Tojo, adiantou tamén que lle proporá aos concelleiros de Rois doar as dietas do vindeiro pleno para colaborar con Manuel Rodríguez.

Á espera de que se confirme a valoración do veterinario que examinou aos animais, todo parece indicar que as vacas mortas intoxicáronse comendo estramonio. Trátase dunha planta herbácea-arbustiva orixinaria de América introducida en Europa nos séculos XV e XVI. Tamén é coñecida como herba hedionda (polo seu desagradable cheiro e sabor) mazá espiñenta, figueira do inferno, matatoupas, berenxena do diaño ou chamizo (en Sudamérica).
O estramonio pódese atopar en zonas baldías ou pouco cultivadas como barbeitos, bordos de camiños ou contaminando algúns cultivos como o millo.