Bisbarra, 22 de outubro do 2020 – As novas restricións polo continuo aumento de casos en Santiago e Milladoiro colocan en papel oficial o paradoxo de que os riscos están no ámbito privado pero as restricións chegan aos locais abertos ao público.
A orde do Diario Oficial de Galicia de onte mércores recoñece que son as restricións as persoas as máis necesarias “as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario limitación extrema dos contactos e actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata a data”.
O comité indica que as recomendacións van dirixidas a controlar eses espazos e di literalmente que “a medida que se recolle nesta orde vai dirixida a previr determinadas reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade”.
O texto continúa recoñecendo que o problema é maior xa que en outros ámbitos a seguridade está garantida polos profesionais xa que as reunións privadas “teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio”.
Pero a realidade é que no ámbito privado a responsabilidade é do cidadán e as medidas de control só se poden poñer nos negocios e na vía pública. Desde esta madrugada, en santiago e o Milladoiro, os bares e cafeterías só poden servir en terrazas e co 50% das mesas; os restaurantes poden servir no interior do local pero só en mesa; as reunións se limitan a persoas conviventes pero se son de turismo ou congresos e reunións de negocios poden ser de ata cinco persoas; , as cerimonias relixiosas ou as referidas a formación e educación limítanse tamén a metade e as actividades deportivas non poderán ter contacto físico e como moito de cinco persoas máis o monitor. Todas as medidas están recollidas nos últimos folios do decreto que se pode consultar aquí.
Crecemento continuo
Estas medidas tómanse porque, como explica o propio decreto, o aumento de casos “é especialmente destacable nos concellos de Santiago de Compostela e Ames, onde a taxa de incidencia a 14 días é superior á observada para Galicia. Ademais, nestes concellos seguen a aparecer casos diarios de xeito continuo”.
Pero as restricións son necesarias porque o feito ata o de agora non serviu para frear a pandemia “Os datos de incidencia observados en Ames e en Santiago de Compostela, xunto co feito de que os indicadores se manteñen en niveis de risco alto e medio, fan preciso actuar dun xeito máis estrito en canto a restricións se refire, xa que as medidas postas en marcha ata o de agora non conseguiron frear o aumento da incidencia”.
Fora de Santiago e Ames hai que dicir que A Estrada e Mesía pasan tamén a nivel 3 no que xa estaba Ordes. A boa nova a da Rois que volve a nivel verde.