Ordes, 11 de abril do 2019 – O vertedoiro de residuos que a empresa Reciclaje Ambiental Lesta S.L. quería construír en ese lugar de Ordes recibe informes desfavorables da Consellería de Medio Rural o que frea case todas as posibilidades de que saía adiante.
Medio Rural considera a parcela de Lesta onde se propón dito proxecto como solo rústico de especial protección agropecuaria. O informe foi solicitado polo Concello de Ordes, a petición da Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Residuos non Perigosos de Lesta, e remitido a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co fin de arquivar e rematar definitivamente coa tramitación do proxecto. Dende o Departamento de Servizos Urbanísticos do Concello infórmase que con este informe as instalacións do vertedoiro son incompatibles co planeamento e demais disposicións legais relacionadas con este.
Solo rústico de protección
Ao tratarse dun solo rústico de especial protección agraria “todas as reestruturacións parcelarias da zona, con clara vocación agropecuaria, deben responder a unha ampliación ou actualización das instalacións agropecuarias existentes”. Tal e como foi redactado o proxecto este suporía un incremento de tráfico rodado o que, xunto cos ruídos xerados pola propia actividade, prexudicaría o habitual desenvolvemento da actividade agraria e gandeira da zona.
Como parcela con vocación agraria esta foi sometida ao proceso de reestruturación (concentración parcelaria San Andrés de Lesta. 1993) para mellorar a súa viabilidade técnica, económica e social. Os obxectivos desta medida pasan polo incremento da área coa mobilización dos predios, ademais de garantir a utilización para uso agrario nos terreos onde se investiron importantes orzamentos. Así, segundo os datos do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, nas parroquias de Lesta e Mercurín atópanse inscritas 58 explotacións, das cales 26 teñen cualificación prioritaria.
A maiores, e tendo en conta a normativa subsidiaria de planeamento municipal baixo o que se rexe o ordenamento do concello de Ordes, obsérvase que na dita parcela teñen o seu nacemento varias correntes de auga superficiais, polo que lle corresponderá o disposto na Lei do Solo de Galicia, ademais de atoparse dentro da zona de servidume aeroportuaria do aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela).