A Estrada, 11 de xullo do 2019 – Coa solta das bestas remataba na tarde do luns a Rapa das Bestas 2019, a aldea de Sabucedo tomaba entón folgos e comezaba a pensar xa na próxima edición.
Sabucedo traballa todo o ano, é algo que a maioría dos que se achegan descoñece ou esquece. Coidan dos montes, vixían as bestas, buscan axudas, defenden e promoven unha historia de séculos.
Os cinco días de festa e rapa comezaron o xoves coa Gala dos aloitadores, unha cita propia de asociación antes de que ao día seguinte se encha a aldea de xente. Co amencer do venres a misa a San Lourenzo servía para ver aos primeiros xornalistas; tentando capturar ao fogueteiro, falando co cura da secular tradición ou probando o café do tele club.
Este ano non se capturaron moitas bestas, pouco máis de duascentas. Nos montes viven libres todo ano arredor de 600 animais en 15 mandas. Para compensar conseguiuse atrapar a Raio, un garañón fillo dunha besta mítica na aldea: Makelele. Era a primeira vez que baixaba á Rapa e dou o traballo que se esperaba.
[ngg src=”galleries” ids=”112″ display=”basic_slideshow” arrows=”1″ interval=”4000″]Imaxes de Fernando España
Todo comezou no curro cos poldros, apartalos e algo máis que unha necesidade para que non se manquen. É o xeito de comezar para os máis pequenos. Os cativos que na Rapa do sábado miraban envexosos a Pablo que, con 15 anos, conseguía derrubar a súa primeira besta entre os aplausos do público e as apertas dos outros aloitadores.
Foi unha das rapas máis accidentadas dos últimos anos. Bastantes aloitadores e algún fotógrafo tiveron que ser atendidos e para o luns máis de un disfrutou a Rapa desde a grada. Foi un ano no que as bestas honraron ese alcume; rebeldes, bravas e complicando moito o traballo dos aloitadores que non se renderon en ningún momento.
[ngg src=”galleries” ids=”113″ display=”basic_slideshow” arrows=”1″ interval=”4000″]Imaxes de Loli Fernández
Ao marxe da propia Rapa todo o demais. Música, polbeiras, rosquillas, camisetas e festa, moita festa. Sabucedo viviu un ano máis cinco días de loucura controlada que deixou ver, coma sempre, o traballo dunha magnífica organización.
Xoga con unicornios meniño que dentro de pouco ti tamén serás aloitador.