Bisbarra, 5 de xuño do 2024 – Non era a primeira vez que o mal estado do CEIP Barrie de la Maza chegaba ao Parlamento de Galicia pero, en esta ocasión, a pregunta socialista obtivo a resposta esperada da Xunta de Galicia.
A Consellería de Educación anunciou o encargo do proxecto de rehabilitación integral do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba que levará a substitución da cuberta, illamento térmico, substitución de toda a carpintaría exterior, incorporación do sistema SATE nas fachadas, cambio de iluminación a tecnoloxía LED xunto con falsos teitos acústicos e cambio da carpinteira exterior.
Un proxecto que estará listo en 3 meses e que suporá unha inversión mínima quedaría de 1,5 millóns de euros. O calendario marca unha duración para estes traballos de nove meses e o inicio da reforma no verán do 2025..
As ANPAS emitían onte un comunicado no que din que se trata dunha “Gran noticia para a comunidade educativa de Santa Comba! O CEIP Barrié de la Maza, que celebra o seu 50 aniversario en novembro de 2024, será sometido a unha tan esperada reforma grazas aos incansables esforzos da ANPA e da dirección do colexio. Tras manifestacións, recollidas de firmas e presentación de peticións ante todos os grupos parlamentarios de Galicia, a Xunta de Galicia finalmente anunciou o proxecto de renovación”.
A ANPA tamén aproveita para lembrar a todos os que colaboraron “quere expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as forzas políticas que escoitaron e apoiaron as súas peticións. Entre as manifestacións de apoio, destacan a anterior alcaldesa, Sra. María Pose, por abrir as portas na Xunta e concertar unha reunión coa Xefatura Territorial que deu inicio a este proxecto; o actual alcalde, Sr. Alberto Romar do PSdeG, por considerar esta reforma unha prioridade e apoiar a moción no pleno do Concello de Santa Comba; e o representante local do Bloque Nacionalista Galego, Sr. Juan Sixto, por orientar e axudar a levar a proposta ao Parlamento e aos deputados do seu partido”.
Os outros centros
Na comisión de educación o Psoe aproveitou para preguntar polo resto de centros que teñen máis de 50 anos “Falamos de numerosos centros espallados polo territorio do noso país que precisan mellorar os espazos educativos, a través de inversións que posibiliten a dixitalización do centro, e a súa mellora no eido da eficiencia enerxética. Ademais de incorporar neses espazos para novos servicios educativos diferentes aos que se ofrecían fai xa medio século (comedores escolares, actividades de conciliación, etc.)”.
O Deputado Julio Abalde preguntou polos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica Galega. Abalde mencionou aos fondos recibidos de Europa para rehabilitar edificios públicos destinados a educación para pedir que dende a consellería de educación se fixera público a planificación de rehabilitación de centros educativos, para que esta sexa coordinada cos concellos e coas comunidades educativas.