Compostela, 6 de abril do 2017 – O Consello Superior de Investigacións Científicas desenvolverá durante o próximos catro anos un estudo para identificar e caracterizar variedades de oliveira autóctonas de Galicia.
A investigación, liderada polo Grupo Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra), está financiada pola Fundación Juana de Veiga e no proxecto colabora a Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia, que será ademais a principal beneficiaria dos resultados deste proxecto de investigación. Tanto o CSIC como a Fundación Juana de Veiga, levan colaborando máis dunha década en investigacións orientadas a resolver problemas que afectan o campo galego no ámbito da viticultura, que agora amplían ao sector olivarero.
Os detalles da investigación, que se acaba de iniciar, déronse a coñecer nunha rolda de prensa na Delegación Institucional do CSIC en Galicia (Santiago de Compostela) na que interviñeron, en representación do CSIC, o seu delegado en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara e Valdés; e a directora do Grupo de Viticultura da MBG, Carmen Martínez Rodríguez, investigadora científica do CSIC na MBG. Por parte da Fundación Juana de Veiga interviñeron o seu presidente, Enrique Sáez Ponche, e o seu director, José Manuel Andrade e por parte de APAG fíxoo o seu presidente, José Antonio García Martínez.
“É o primeiro gran proxecto científico de oliveira galega, e polo que vimos nestes cinco anos que levamos xa traballando no tema e realizando prospeccións, pode chegar a ter tanta importancia como a vide, para algunhas zonas de Galicia”, sinala Carmen Martínez Rodríguez, investigadora científica do CSIC.
“Pensamos que o desenvolvemento do sector olivarero de Galicia ten un enorme potencial de crecemento, que debe basearse no uso de variedades locais para así poder competir con outros operadores, tanto nacionais como internacionais, de maior volume e tradición, como fixo antes en Galicia o sector do viño”, sinala José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Veiga. Ademais destacou que “o proxecto encaixa dentro da liña estratéxica da Fundación da recuperación da biodiversidade xenética de Galicia, que constitúe un patrimonio de enorme valor que ten que ser conservado e aproveitado polo sector agroalimentario”.
Pola súa banda Enrique Sáez, presidente da Fundación recalcou como o proxecto ten unha vocación integradora ao involucrar a un equipo de investigación público do CSIC, e contar coa participación do sector produtivo representado por APAG, ao que se incorporarán viveristas de Galicia e que irá da man tamén das administracións responsables do recoñecemento das variedades: Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Enrique Sáez insistiu ademais, na necesidade de diferenciarse mediante a posta en valor de variedades propias para constituír unha denominación de orixe que permita ter unha posición forte no mercado.
