Bisbarra, 23 de outubro do 2024 – Os problemas do transporte metropolitano son obvios, horarios e liñas escasas para unha bisbarra con máis de 20 núcleos de poboación, consolidados e urbanizados, a menos de 45 minutos en coche particular.
A maiores está todo o rural. O BNG de Ames levará ao vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a buscar solucións. As queixas polo funcionamento do transporte público son, explican, recorrentes en Ames.
A moción forma parte dunha campaña que o BNG de Ames está a poñer en marcha no concello para demandar un servizo público de transporte digno e eficiente. Os acordos que se pedirán aprobar son en primeiro lugar que o Concello de Ames faga unha revisión de tódalas paradas e dote das marquesiñas necesarias ao rural coa información concreta en cada punto.
Por outra banda esixir á Xunta de Galicia que faga cumprir con rigorosidade os contratos en vigor do servizo público de transporte en Galicia, de acordo aos pregos técnicos e administrativos e ás ofertas gañadoras nos concursos. É preciso garantir os percorridos, os horarios e as paradas establecidas.
Finalmente os nacionalistas pedirán que o pleno inste á Xunta a que se explore a posibilidade de dotar ao rural de Ames do Servizo de Noitebús.
En palabras de Escarlata Pampín, voceira do Grupo Municipal do BNG, “tal e como está deseñado o transporte público provoca unha clara discriminación por orixe, a veciñanza do rural non ten as mesmas posibilidades que os que viven nas cidades ou vilas máis grandes. Isto tradúcese, por exemplo, na dificultade para acceder á ensinanza superior ao non existir transporte escolar para esas etapas educativas”.
“Demandamos servizos para mellorar a mobilidade das persoas, un problema que afecta a tódalas idades pero que repercute sobre todo naquelas que carecen de transporte privado, un grupo entre os que se atopa a xente máis nova e a xente maior que depende dos seus familiares ou coñecidos para desprazarse”. Engade Escarlata Pampín.