Compostela, 14 de marzo do 2019 – O Bloque Nacionalista Galego reclamará, no pleno de Compostela, medidas urxentes para mellorar a accesibilidade e a seguranza na zona de Lamas de Abade.
A concelleira do BNG de Santiago, e xa candidata a alcaldía nas eleccións de maio, explicou en rolda de prensa que en Lamas de Abade conviven ata 5 centros de formación aos que acoden 2.568 alumnos. O instituto de ensino secundario con 832 alumnos, Aspanaes con 48, Raiola con 113, o CIFP de Hostalería con 1.150 e o CEIP con 515 estudantes. Esta acumulación fai que en horas puntas xúntase ata 11 autobuses escolares ademais de furgonetas e coches particulares.
A veciñanza reclama desde hai tempo medidas de urxencia para mellorar a mobilidade e incrementar a seguranza viaria, cunha regulación de tráfico en horas punta por parte da Policía local e a adopción de aspectos técnicos para a pacificación de tráfico e aminoración da velocidade dos vehículos cun sistema de lombos ou luces de advertencia. Precisan tamén a adecuación dos horarios das liñas de transporte urbano, para que coincida cos horarios escolares, pois o último da mañá pasa ás 14:15 horas cando as aulas rematan ás 14:30 horas.
A comunidade educativa destaca diversos puntos críticos de risco de accidente e anchos de vía inferiores a 5 metros con dous carrís, con dificultades para o tránsito, así como falta de beirarrúas. Deste xeito é necesario un plan de estudo integral de mobilidade, explicou, e a creación dun aparcadoiro con prazas suficientes para estacionar os vehículos.
Faise necesario ademais dispor dunha reserva de prazas de aparcadoiro para discapacidade, que deberá ser maior no centro de Aspanaes.