O 29 de decembro formalizouse o trámite administrativo de recepción das obras de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, en Ames. Unha obra que contén aínda a día de hoxe numerosos problemas, motivo de múltiples queixas.
Ante esta situación, o deputado nacionalista no congreso, Néstor Rego, pregunta ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, responsable da obra, se vai levar a cabo algunha acción para exixir responsabilidades á empresa contratista pola execución defectuosa destas obras de humanización
Rego explica que “atendendo ás evidentes deficiencias das obras executadas polo adxudicatario e que, por tanto, non pode considerarse a actuación como correctamente finalizada, deberan examinarse as accións necesarias para lograr un remate adecuado”.
A obra do Milladoiro, en Ames, alcanzou un investimento de catro millóns de euros. Na actualidade danse fallos como a falta de medidas de seguridade para persoas con discapacidade, pasos de peóns e marquesiñas sen nivelar, carencias no axardinamento, acabados defectuosos, deficiencias na pintura de sinalización de pasos de peóns, falta de seguranza na colocación de semáforos e outros elementos verticais, pintura xa estragada, etc…
A voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, engade que “Por iso o que solicitamos dende o BNG é coñecer que actuacións concretas emprenderá o Ministerio para corrixir os numerosos defectos detectados”.
Os nacionalistas consideran que “se pode valorar a non devolución e, de ser o caso, executar a retención da garantía definitiva, mentres persistan defectos de execución imputábeis ao contratista e non teñan sido emendados conforme ás esixencias técnicas e contractuais”.
Despois de “numerosas preguntas e solicitudes de información ao goberno municipal, o BNG recorre ao executivo central co fin de solucionar canto antes e de xeito efectivo a deficiencias no remate das obras de humanización no Milladoiro co obxectivo de que a veciñanza vexa mellorada a súa mobilidade e seguranza por este núcleo de Ames.
