Bisbarra, 20 de xaneiro do 2021 – O Colexio Oficial de Traballo Social pide que se actualice a normativa do servizo de axuda no fogar e priorizar a vacinación do persoal.
O COTSG ven de emitir un comunicado no que resposta as declaracións da Conselleira de Política Social, Fabiola García, nas que anunciaba un aumento no incremento de horas no servizo de axuda no fogar. Os traballadores sociais consideran que se trata dunha declaración “descontextualizadas” e explican cal a situación do servizo.
Retrasos no recoñecemento de dependencias
O Colexio Oficial de Traballo Social lembra que o SAF da Xunta depende, con carácter previo, do recoñecemento da dependencia á persoa usuaria. Este recoñecemento chega a acumular ata un ano de retraso, “coa evidente merma na capacidade do servizo e a conculcación de dereitos que supón para a comunidade usuaria” explican.
A Xunta de Goberno do Colexio engade que a normativa do servizo continúa sen adaptarse á actual situación, marcada pola pandemia.. Dende o COTSG subliñan que é preciso a elaboración dunha orde autonómica reguladora de SAF e pregos técnicos administrativos marco que actualice e unifique a normativa no conxunto de concellos galegos. Piden que os protocolos sexan concretos no relativo ás condición do servizo, á aparición de gromos de COVID-19 ou ás estratexias a seguir en caso de illamento médico.
Para o Colexio é importante sinalar, na actual situación de pandemia e coa campaña de vacinación xa comezada, que a inclusión do persoal de SAF neste proceso debería darse con carácter urxente. As persoas que traballan no servizo de axuda no fogar deberían ser obxectivo prioritario de vacinación pola propia natureza do seu labor, que esixe unha exposición constante fóra dos grupos burbulla. A non vacinación deste colectivo é un risco para o conxunto das persoas traballadoras e usuarias.
