Oroso, 7 de abril do 2019 – O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, reclama do Ministerio de Fomento que axilice o proxecto de circunvalación para Sigüeiro por onde pasan cada día miles de vehículos que provocan a miúdo grandes retencións.
Mirás ten claro que “Non podemos permitir que 3.000 vehículos de gran tonelaxe pasen cada día por Sigüeiro, o noso casco urbano”. Esta reclamación do rexedor prodúcese despois de que a avería dun camión provocara de novo un gran atasco na estrada que cruza o núcleo.
Mirás presentoulle ao ministerio hai meses “o proxecto dunha nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono, á altura do supermercado Familia, ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla. Non é unha obra complexa, xa que un tramo importante xa está feito, falamos dunha infraestrutura imprescindible para mellorar o tráfico, o Ministerio de Fomento comprometeuse a apoiar esta alternativa pero esíxolle celeridade”.
Por outra parte, o alcalde de Oroso espera unha execución rápida das obras da nova rotonda da praza da Foca en Sigüeiro, que contarán cun investimento de 141.639 euros e foron licitadas polo Ministerio de Fomento no mes de xaneiro.