Compostela, 8 de agosto do 2017 – A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis na 60ª edición do Curso Universitario Internacional de Música Española Música en Compostela con dous concertos.
O primeiro celebrarase mañá mércores, 9 de agosto, e o segundo o venres día 11. Ambas citas terán lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.
O concerto do mércores comezará coa obra Canciones y danzas para Dulcinea, do compositor aragonés Antón García Abril (1933). Son un total de seis cancións e danzas que narran a historia da eterna amada de Don Quijote, un canto ao amor ideal cargado de moita emotividade poética. En 1984 o autor compuxo a banda sonora da película Monsignor Quixote, baseada no relato de Graham Green, por encargo da BBC. Un ano despois encárganlle unha serie de pezas baseadas no mesmo tema, o que se concreta nesta suite.
A continuación os músicos achegarán ao público a Sinfonietta in Re maggiore do compositor madrileño Ernesto Halffter (1905-1989), considerado o único discípulo de Manuel de Falla. Representa unha das primeiras obras do Neoclasicismo musical en España, coincidindo no tempo coa belle époque.
O Curso Universitario Internacional de Música Española Música en Compostela creouse en 1958, por iniciativa do mestre Andrés Segovia. Dende entón, celébrase cada verán en Santiago de Compostela, mantendo a súa finalidade de informar, interpretar e cultivar a música española. En cada edición matricúlanse uns 120 alumnos, de máis dunha vintena de nacionalidades diferentes.