Compostela, 4 de xaneiro do 2022 – A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar o seu tradicional concerto da noite de Reis este mércores, 5 de xaneiro, ás 21:30 horas no Auditorio de Galicia.
A batuta levaraa o director titular e artístico da Real Filharmonía, o mestre Paul Daniel. Baixo o título Tren, barco, avión e outros medios de locomoción, o programa mantén o espírito do lema desta tempada da RFG, Viaxes. O público asistente terá a oportunidade de gozar con pezas moi populares, con diferentes medios de transporte como fío condutor.
As entradas están dispoñibles na páxina web www.compostelacultura.gal. . Para poder acceder ao Auditorio de Galicia é necesario presentar certificado Covid (ou PCR ou test de antíxenos negativos), tal e como dispón a normativa vixente ante a situación epidemiolóxica derivada da pandemia da COVID-19.
Programa
O concerto arrincará con Abran paso! da Polka Schnell de Eduard Strauss, que comeza cun sinal de tren que simula iniciar a súa marcha. A continuación soará O voo do moscardón do conto do tsar sultán de Rimski- Kórsakov, xunto a varios fragmentos da Suite Sinfónica “París”de Jacques Ibert. De México chegará a Música para charlar do compositor Silvestre Revoltas. E do arxentino Astor Piazzolla -do que en 2021 cumpríase o primeiro centenario do seu nacemento- soará a obra Aconcagua para bandoneón e orquestra, que interpretará o bandoneonista Claudio Constantini.
De Eduard Strauss tamén se interpretará Con vapor! da Polka Schnell. Daquela os músicos achegarán ao público unha peza de Billy Strayhorn e Harry Warren, arranxada por Iain Farrington, Take the A Train/ Chatanooga ChooChoo. De Farrington soarán ademais The sailor’ s hornpipe: A Shipshape Shindig (A gaita do mariñeiro: Unha festa no barco) e Wing it!, variacións sobre I got rhythm de George Gershwin. E de Gershwin interpretarase Promenade Walking the Dog (Paseando o can), arranxado por Sol Berkowitz.
O bandoneonista Claudio Constantini
Pianista, bandoneonista e compositor, Claudio Constantini mantén unha polifacética carreira a través dos cinco continentes. Nacido en Lima no seo dunha familia de músicos, o seu orixinal estilo defínese polas súas sólidas raíces clásicas, aliadas cunha incesante paixón por algúns xéneros musicais populares, entre os cales a música latinoamericana e a improvisación son esenciais. Actuou nalgúns dos teatros máis importantes do mundo como a Filarmónica de Berlín, a Festpielhaus de Baden- Baden, a Konzerthaus de Viena, a Ópera de Los Ángeles, Ópera de Munich, Palau de lles Arts de Barcelona ou o Teatro Real de Madrid, entre outros.
En 2019 foi nomeado aos Grammy Latinos polo seu disco América na categoría de Mellor álbum de música clásica; e o seu disco 20 th Century Tango foi distinguido coa Medalla de Prata nos Global Music Awards de 2021. Iniciou os seus estudos de piano no Conservatorio Nacional do Perú baixo a tutela do seu pai, Gerardo Constantini. Posteriormente, recibiu o seu titulo superior en Finlandia, o seu master en Holanda, e o Diplome de Concert en París, todos eles coa mellor distinción do xurado.