Compostela, 3 de xaneiro do 2024 – A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o vindeiro venres, 5 de xaneiro (21h), no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, o seu tradicional Concerto de Reis.
Un espectáculo que levará por nome A bela dormente e no que unha selección de pezas deste fermoso ballet de Chaikovski será protagonista. Esta actuación está incluída dentro da temporada de abono da Real Filharmonía de Galicia que leva por nome xenérico Migracións.
Este recital estará dirixido por Sebastian Zinca, e nel participará como narradora e actriz Inés Salvado Gontad. Zinca foi o elixido como director asistente, cargo que comezará a desempeñar a vindeira semana. Ademais, nesta ocasión, o ensaio xeral que se levará a cabo ese mesmo venres ás 10h da mañá tamén estará aberto ao público con acceso libre.
Ballet histórico
A bela dormente é un ballet con grande historia xa desde a súa estrea, na cal se deron cita os nomes lendarios do ballet ruso: a coreografía de Petipa e a música de Chaikovski, na súa primeira colaboración.
Este ballet suaviza a crúa trama do conto de Perrault deixando toda a historia nunha loita xenérica entre o ben o mal. Malia á beleza da música e a todos os achados de A bela dormente, o ballet recibiu como única valoración un sucinto “moi bonito” do Tsar Alexandre III. Co paso do tempo, o enfado de Chaikovski sería recompensado pola valoración da historia.
Narradora e actriz
Este concerto contará con Inés Salvado Gontad como narradora e actriz do ballet, quen está vencellada ás artes escénicas desde o ano 2006, traballando na compañía profesional A Feroz ou como actriz no Centro Dramático Galego na peza O Charco de Ulises.
Ademais Inés é integrante do grupo musical De Vacas, galardoado nos Premios da Música Martín Códax en 2016 e premiado na II edición do Festival Territorio Violeta na Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo no 2018. Tamén é vocalista e percusionista na banda de Budiño e no Coro Encaixe.
Entradas á venda
Os tickets de acceso ao concerto poden adquirirse no despacho de billetes da Zona C ou a través da web compostelacultura.org a un prezo de 15€.