O anteproxecto presentado polo goberno municipal para reformar a rúa Santiago de Chile e a Praza de Vigo comeza a xerar debate. A Asociación Raigame ven de convocar unha xuntanza no CSC do Ensanche o vindeiro martes, día 27, para coñecer a opinión da veciñanza.
A asociación considera unha “tarefa pendente dos distintos gobernos municipais”. Cre que os cambios teñen que incluír distintas rúas que foron quedaron ao marxe das reformas que se ían facendo ao longo dos anos.
Para Raigame “o modelo que mellor resultado deu ata o momento é o de apaciguamento do tráfico coma se fixo nas rúas Montero Ríos e Xeneral Pardiñas. Unha pseudo peatonalización sen barreiras arquitectónicas pero que permita a carga e descarga e a parada exprés á clientela”.
Consideran urxente a municipalización dos aparcamentos soterrados da Praza de Vigo e a Praza de Galicia con prezos populares. Por outra banda reclaman que se teña en conta o dinamismo de Santiago de Chile “É frecuente ver coma o carril da dereita sempre ten coches parados en dobre fila”.
A proposta de Raigame pasaría por “zonas de parada de 10 min seguindo o modelo do segundo tramo da Avd. de Vilagarcía”. Destacan, como problema recorrente, os atascos no cruce Santiago de Chile/Rep. Arxentina debido aos problemas que se atopan os autobuses interurbanos de gran tamaño “sería doado de arranxar se se trasladara a parada provisional da rúa da Rosa que vai camiño de ser permanente”.
Rosalía de Castro é a Praza de Vigo
Raigame dise “sorprendida enormemente por que o concelleiro de urbanismo esqueza o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Máis aínda nos sorprende que esqueza a entrevista que mantivemos en febreiro de 2024 coa alcaldesa e o concelleiro na que lle presentamos o proxecto dun concurso internacional de ideas para realizar unha intervención artística e urbanística na Praza de Vigo entorno á figura de Rosalía de Castro xa que este foi o seu lugar de nacemento o cal celebramos cada 23 de febreiro co apoio da Fundación Rosalía”.
Raigame lembra que “esta é unha vella reivindicación da Asociación que busca tamén crear un punto de visita obrigada que axude a dinamizar comercialmente a Zona Nova e desconxestione a Zona Vella”. A reforma da Praza de Vigo é unha oportunidade para unificar ideas e ampliar e mellorar a homenaxe á poetisa.
