Padrón, 25 de marzo do 2018 – A celebración do XXXI Raid Cabalar de Padrón no Santiaguiño do Monte, que contou con 37 participantes, abriu as Festas da Pascua de Padrón, que este ano terán como pregoeira o vindeiro sábado 31 de marzo, ás 21.00 horas na Praza de Macías, á actriz Cristina Castaño.
A programación configurada desde o Concello para a Pascua 2018 inclúe ata o vindeiro 14 de abril preto dun cento de actividades musicais, culturais, deportivas e lúdicas, ademais dos preto de 400 postos de venda e atraccións infantís que xa ocupan varias zonas da vila padronesa. Xunto coa instalación de máis de 300 postos de venda e atraccións infantís, entre todas as actividades, destaca a tradicional Feira Cabalar, que se celebrará o día 1 de abril, domingo de Pascua, no Campo da Barca e que repartirá máis de 2.000 euros en premios nos diferentes concursos morfolóxicos.
No apartado musical, ademais das actuacións dunha decena de orquestras e do X Festival de Bandas de Música Capital do Sar, a Concellería de Festexos apostou este ano por dar cabida a novos estilos musicais cos seguintes espectáculos: o Festival PopTour Padrón 18 o sábado 31, con Miguel Costas (Siniestro Total), Santi Sánchez e amigos (ex de Los Inhumanos), Carmelo López (El Norte) e Juanra (Guaraná); o concerto do grupo heavy-rock Astarot o luns 2 de abril; e o concerto do grupo Eladio y Los Seres Queridos e a música electrónica da Noite Dj Indie o venres 6 de abril.
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, aproveitou para “invitar a todos os galegos e galegas a que nas vindeiras semanas se acheguen ata Padrón para gozar dunha festa cuxas orixes datan, como mínimo, de comezos do século XVII”. “Para Padrón a Pascua non só é unha festa cunha tradición centenaria, senón que tamén é un gran motor económico e social que cada ano atrae a máis visitantes e, por iso, ao remate desta edición presentaremos na Xunta de Galicia a solicitude para que sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia”, apuntou.