Bisbarra, 5 de setembro do 2022 – O curso en Ames comeza con queixas da ANPAS que emitían esta fin de semana un comunicado crítico cos horarios dos servizos complementarios.
As ANPAS critican que os cambios de horarios fixéronse sen contar con elas e sen que se lles comunicaran previamente. Lembran ademais que existe un órgano, o Consello sectorial de educación, para informar de cambios e debater este tipo de temas.
No comunicado, asinado por nove ANPAS, quéixanse en especial das decisións unilaterais do concello. Explican que “cando solicitamos que a un neno non se lle cobrasen un periodo por estar confinado díxosenos que non se podía facer sen cambiar o regulamento, agora sen que o regulamento cambiara avísannos de que se van aplicar cambios nos servizos que afectan a peor ás familias”.
Un dos exemplos concretos o explica nas súas redes sociais a ANPA Agro do Muiño. Denuncia que a segunda quenda de comedor apenas ten 45 minutos para comer e lavar os dentes. Engade que a recollida dos rapaces, nos horarios previstos, pode provocar “aglomeración, problemas de tráfico e fallas na comunicación na entrada principal”
As asociacións de pais consideran que “volver á normalidade e volver ao que había antes da pandemia, que levaba funcionando ben moitos anos. Non é manter os horarios que lle poidan interesar ao concello e quitar os que non lles interesan”.
As ANPAS rematan o comunicado pedíndolle ao concello que “devolva os horarios á situación exacta na que estaban antes da pandemia” e que “se quere facer algún cambio que pase polo Consello Sectorial de Educación”.