Bisbarra, 20 de xaneiro do 2023 – A Asociación de nais e pais San Mauro ven de emitir un comunicado polo mal estado no que se atopa o CEIP de Barouta en Ames.

A ANPA de Barouta decidiu planificar accións de protesta “por considerar que non se están atendendo os reiterados avisos e peticións para facer os investimentos precisos para manter en bo estado a instalacións”.
Os pais poñen exemplos como o sucedido a pasada semana cando se detectaron pingueiras no interior dun aula e que levaron a descubrir un enchoupamento no baixo cuberta. Tamén explican que o tellado está tan deteriorado que hai filtracións por varios puntos e acumula auga que xa se filtra ata o andar onde os rapaces e rapaces atenden as aulas.
A ANPA di sobre as filtracións que se producen “logo de estarmos presentando repetidamente ao longo dos últimos anos solicitudes expresas, demandando que se atenda a varios puntos que son de necesidade, e que non foron atendidas, nin respondidas”.
A San Mauro de Barouta está convocando ás familias a concentrarse hoxe as dúas e media da tarde na porta principal da escola. Queren esixir publicamente “que se atenda a esta situación, que está a afectar á seguridade e integridade do alumnado durante o seu tempo na escola”.
Engaden que “ o último escrito que presentamos á Consellería de Educación reflicte as prioridades que consideramos que necesitan intervención urxente, e que continúan pendentes de recibir algunha resposta”.
No escrito describen a situación de moitas das partes do colexio e piden intervencións na zona do patio, que se revisen as árbores xa que unha chegou a caer sobre o areeiro e que se faga unha remodelación xeral dos servizos.