Oroso, 9 de xuño do 2022 – O grupo parlamentario socialista presenta unha proposición para que o Parlamento inste á Xunta aporte financiamento para a mellora da estación depuradora de Sigüeiro.
A EDAR comezou a funcionar no 1998 pero desde o inicio viuse que era insuficiente. Ante a falta de capacidade de tratamento a concesionaria por aquel entón, Aquagest, emitiu un informe no ano 2006 que valoraba o custo das melloras necesarias na depuradora en 267.060,12 euros.
Unha obra insuficiente
Os traballos de mellora leváronse a cabo no 2009 pero non deron o resultado esperado. Sete anos despois, no 2016, Viaqua realiza un novo informe a petición do concello. Esta memoria técnica das necesidades da depuradora foi actualizado pola concesionaria no 2020. O documento valora o custo das reparacións en 253.517,82 euros.
O grupo socialista, na petición rexistrada, explica que ese informe constata que a EDAR de Sigüeiro presenta unha serie de deficiencias que provocan que os rendementos de depuración do proceso estean por baixo das garantías de deseño da instalación.
As consecuencias de estas deficiencias son o risco de incumprir normativas medioambientais europeas, cheiros pola insuficiente capacidade de aireación e o consecuente impacto negativo na contorna.
A Deputada Noa Díaz, unha das asinantes da proposición, explica que “o Concello de Oroso abona anualmente 90.000 euros polo canon de saneamento de auga sen que dende hai 13 anos vise revertida a súa achega económica en ningunha obra de mellora, urxente e necesaria como acredita a propia Viaqeua”.
Os socialistas denuncian que esta colaboración si se produce con outros concellos nos que a Xunta sufraga actuacións de mellora. Por esa razón, engade Díaz, “solicitamos que o Parlamento de Galicia inste a Xunta de Galicia a colaborar orzamentariamente co Concello de Oroso na imprescindible e urxente actuación de mellora da EDAR de Sigüeiro”.