Bisbarra, 22 de setembro do 2023 – O grupo socialista de Oroso aproveita a visita do presidente da Deputación para lembrar que a Xunta non recibiu ao anterior alcalde, Luís Rey, pese as súas demandas.
Os socialistas din que isto demostra que hai “dúas formas completamente distintas de facer política”. Destacan o “exquisito respecto institucional e o compromiso firme do presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, co Concello de Oroso, con independencia da cor política que teña o goberno local”.
Engaden que o actual alcalde solicitoulle unha reunión e o presidente da Deputación ”recibiuno esta semana, dentro dos 100 primeiros días do mandato, algo que non fixo a Xunta de Galicia co anterior goberno socialista”.
O Psoe lembra que “nos dous anos de Luís Rey Villaverde como alcalde nin Alfonso Rueda nin Diego Calvo responderon ás súas peticións de entrevistas para expoñerlles as necesidades da veciñanza de Oroso, amosando o habitual sectarismo das institucións gobernadas polo PP”.
Na reunión desta semana, Valentín González Formoso confirmoulle ao actual alcalde, Alex Doval, que os compromisos adquiridos no mandato anterior co goberno de Luís Rey para a reurbanización da avenida da Grabanxa e para cofinanciar a construción do novo pavillón deportivo seguen vixentes.
O Psoe de Oroso lembra ademais que cando en maio o presidente da Deputación visitou o concello para anunciar eses investimentos o actual alcalde non acudiu.