Mes a mes o Museo do Pobo Galego ofrece o mellor de si mesmo con exposicións, mostras en liña e presentación de distinto tipo. Este mes de febreiro tráenos ademais unha cita ineludible como é o Día de Rosalía.
Rosalía será a protagonista o 23 de febreiro a partir das doce do mediodía. O Museo do Pobo acollerá o acto central do Día de Rosalía organizado pola Fundación Rosalía de Castro. Dará comezo no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres e continuará no claustro do Museo.

O Claustro será o lugar de desfrutar da tradición do Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
MICE Petís – XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego
Volve ao Museo do Pobo a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e faino reforzando unha edición máis o seu compromiso coa educación e a mediación cultural a través de MICE Petís, a súa sección didáctica dirixida a centros escolares.
Esta actividade, que se desenvolverá entre o 24 de febreiro e o 4 de marzo de 2026 no Museo do Pobo Galego, está pensada para alumnado da ESO e Bacharelato, con sesións presenciais organizadas por tramos educativos en horario de mañá.

MICE Petís propón unha aproximación ao cinema etnográfico como ferramenta pedagóxica, achegando ao alumnado historias de distintos contextos culturais e sociais a través dunha coidada selección de curtametraxes.
Os filmes estarán centrados en dous eixos temáticos: o Entroido, en relación coa exposición MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, que permitirá coñecer as mascaradas de inverno de diferentes lugares do mundo; e a fragmentación dos territorios e das vidas como consecuencia de conflitos bélicos, conectando a memoria histórica da Guerra Civil coa realidade contemporánea da ocupación israelí de Palestina.
Cada sesión ten unha duración aproximada de 50 minutos e inclúe a mediación de persoal do Museo, favorecendo a reflexión colectiva e o pensamento crítico a partir das imaxes. O prezo da actividade é de 1 euro por alumno/a, co obxectivo de facilitar o acceso do maior número posible de centros educativos.
As escolas interesadas poden solicitar información e reserva escribindo a servizosdeac@museodopobo.gal.
Presentación do documental: A luz das ánimas
O Xoves 26 de febreiro, ás 19:00 horas, o Museo do Pobo acollerá a presentación do documental A luz das ánimas, dirixido por Sergio Santos Otero e producido por lembrame.gal. A cinta propón unha viaxe fascinante ás profundidades da cultura galega para descubrir os petos de ánimas, eses pequenos altares que salpican as paisaxes e camiños.

A través dos ollos dun historiador, un xornalista, un investigador e unha restauradora, o filme revela non só a historia, o significado e a función destes elementos do noso patrimonio, senón tamén o seu papel como testemuñas vivas da fe, a memoria e a devoción popular. A proxección estará seguida dun coloquio co público.
Exposicións
O Museo do Pobo presenta sempre, ademais da súa sempre interesante exposición fixa, distintas exposicións temporais das que ata maio destaca a restitución das estatuas do Mestre Mateo. O acolle a exposición temporal das esculturas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, recuperadas polo Concello de Santiago de Compostela, logo de seren espoliadas polo franquismo.

Instalada na Ala Sur do Museo, organizada polo Concello e o Museo do Pobo Galego coa coordinación do equipo técnico do Museo e do Auditorio de Galicia, a mostra inclúe unha liña do tempo sobre a historia das pezas e un audiovisual que forma parte do proxecto KosmoTech_1200, da USC e do CISPAC, centrado na reconstrución do coro do Mestre Mateo e do conxunto do nártice do Pórtico da Gloria incluída a fachada exterior, onde estaban situadas as dúas estatuas.
Todo o contido é accesible grazas á axuda da Federación Autismo Galicia. A través desta colaboración elaboráronse materiais de accesibilidade cognitiva, mediante pictogramas e textos en linguaxe clara que melloran a comprensión da información e facilitan o acceso aos contidos, especialmente para persoas con dificultades cognitivas e sensoriais, persoas no espectro do autismo e outros perfís que atopan barreiras nos espazos culturais.
E no tempo de Entroido o Museo preséntamos MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II que estará ata o 26 de abril no Claustro alto. Unha mostra que convida a achegarse ao mundo das máscaras como expresión cultural universal, á vez que pon en valor o traballo dos e das artesás que as crean.
A exposición componse dunha selección de 66 máscaras: 54 delas, procedentes de Romanía, Italia, Portugal, España e Andorra e pertencentes á colección privada do coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, xunto cunha ducia de pezas dos fondos do Museo do Pobo Galego.

Así, poden verse máscaras do carnaval popular, ligadas ás festas de inverno e ao Entroido; máscaras empregadas en celebracións relixiosas, exemplos do carnaval cortesán barroco e da Commedia dell’Arte, máscaras funerarias e máscaras contemporáneas que amosan que estas tradicións continúan en permanente reinterpretación.
A exposición, que permanecerá aberta até finais de abril, forma parte dun proxecto de investigación e divulgación da Universidade de Valladolid a través da Cátedra de Estudos da Tradición coordinada pola profesora Pilar Panero. Este traballo inscríbese no proxecto europeo Unveiling the Arts and Works behind the Masks, impulsado pola European Education and Culture Executive Agency.
En liña
Na parcela dedicada ás mostras en liña o Museo do Pobo presenta Chocolates Amenedo. Esta nova colección recolle as pezas para a elaboración de chocolate artesanal que formaban parte do Museo do Chocolate de Chocolates Amenedo, un histórico negocio compostelán fundado en 1872 na rúa da Algalia de Arriba que se trasladou máis tarde á rúa do Cardeal Payá.

O seu fundador, Felipe Amenedo Reboredo, recibiu o Gran Premio con Medalla de Ouro na Exposición Rexional Galega de 1909. Tras el, o seu fillo Pablo mantivo a actividade ata o peche da fábrica en 1987, deixando en depósito na nosa institución os útiles e ferramentas empregados na elaboración artesanal do chocolate, coñecida como chocolate a brazo ou chocolate á pedra.
Desde xa, estas pezas están accesibles no catálogo en liña.
