O programa logra a inserción laboral do 41% do alumnado. Participan, ademais de Dodro, os concellos de Padrón, Rois, Pontecesures, Valga e Catoira.

O pasado 25 de setembro, o Pazo de Lestrove acolleu a Xornada de experiencias empresariais e o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego do Concello de Dodro, unha iniciativa destinada a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral dun total de 100 persoas desempregadas dos concellos de Rois, Valga, Pontecesures, Padrón, Catoira e Dodro.
Ao longo dos últimos meses, o programa desenvolveu accións formativas, obradoiros e itinerarios personalizados de orientación laboral, co obxectivo de facilitar a incorporación ao mercado de traballo. Esta xornada forma parte dun amplo conxunto de actividades do Programa Integrado de Emprego 2024/25, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e por fondos finalistas do Servicio Público de Empleo Estatal.
O acto estivo estruturado en dúas partes. Na primeira, celebrouse un coloquio coa participación de representantes do tecido empresarial da comarca. Interviron representantes das empresas Servicios Integrales de Formación SL., STAC SL, Cortizo SA, FINSA, Ana Muñiz SL e Conservas Cerqueira SA, que explicaron a actividade que desenvolven, os perfís profesionais que máis demandan e as súas estratexias de selección de persoal. As persoas participantes tiveron ocasión de coñecer de primeira man a realidade destas compañías e expor as súas dúbidas directamente.

Na segunda parte desenvolveuse o acto institucional de clausura, no que participaron representantes dos concellos de Dodro, Rois, Padrón e Pontecesures, así como a Directora Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado Lago, quen destacou o esforzo realizado polas persoas beneficiarias e a importancia de continuar apostando por programas que impulsen a formación, a igualdade de oportunidades e a dinamización económica do territorio.

O programa conseguiu uns resultados moi positivos, acadando un 41% de inserción laboral, unha cifra que supera amplamente o mínimo do 35% establecido pola Xunta de Galicia. Ademais, permitiu fortalecer as competencias profesionais das persoas participantes, especialmente en sectores con alta demanda de emprego.
Os concellos agradeceron a implicación do equipo técnico, das entidades colaboradoras e, sobre todo, das persoas participantes, cuxo compromiso fixo posible estes bos resultados e abre novas oportunidades de futuro para a veciñanza da comarca.
