Gonzalo Muiños e Mercedes Rosón, concelleiros non adscritos
Compostela, 28/04/2026 – O concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, reclama á Deputación da Coruña avances inmediatos en dúas actuacións viarias no municipio que acumulan atrasos, paralizacións e múltiples deficiencias: o vial DP-7804, que conecta Santiago con Val do Dubra, e a senda peonil entre o Carme de Abaixo e Figueiras.
No caso da estrada provincial DP-7804, correspondente a un proxecto de ampliación da calzada e mellora do trazado, a veciñanza de A Peregrina ten detectado diversas eivas tras a execución das obras.
Entre elas, destaca a alteración do curso histórico dunha fonte sen que se habilitase unha solución alternativa axeitada, o que está a provocar problemas de drenaxe da auga no lugar de Bargo, con risco de acumulacións que poden afectar tanto ás fincas lindeiras como á seguridade viaria.
A maiores, persisten outras problemáticas neste vial, como a falta de pintado da calzada malia levar semanas con condicións meteorolóxicas favorables, a existencia dun semáforo instalado hai máis dun ano que continúa sen funcionar, o mal estado do firme con presenza de fochancas, especialmente na contorna de Miramontes, e desprendementos no noiro desta mesma zona.

Problemas de seguridade peonil na senda de Figueiras
Por outra banda, Gonzalo Muíños critica a situación da senda peonil entre o Carme de Abaixo e Figueiras, unha actuación adxudicada en marzo de 2023 “que acumula xa máis de dous anos de atraso, con paralizacións reiteradas e incumprimentos dos prazos comprometidos”.
“Segundo denuncia a veciñanza, en varios treitos xa executados a senda transcorre ao mesmo nivel e co mesmo material que a estrada”, explica Muíños, o que provoca que sexa empregada polos vehículos como un carril adicional, “sendo un perigo evidente para os peóns”.
A falta de sinalización horizontal e vertical, xunto coa ausencia de medidas efectivas de separación, agrava esta situación e converte unha infraestrutura pensada para mellorar a mobilidade peonil nun risco potencial para a veciñanza.
Ante esta situación, as Non Adscritas levarán ao vindeiro pleno unha proposición na que instar á Deputación Provincial da Coruña a revisar o estado do vial DP-7804 para corrixir as deficiencias detectadas e garantir un correcto drenaxe das augas, así como a retomar de inmediato as obras da senda de Figueiras incorporando medidas urxentes que aseguren a seguridade das persoas peóns.
Os non adscritos reclaman ademais, ao goberno municipal, a posta en funcionamento inmediata do semáforo instalado neste vial para mellorar a seguridade viaria na zona.
