Brión, 2 de outubro do 2020 – Os problemas nos comedores escolares comezan a aflorar na bisbarra e si esta semana falabamos dos de Padrón hoxe toca o CEIP de Pedrouzos en Brión.
A ANPA Andaravía ven de remitir un comunicado no que denuncia que a metade das familias do Colexio de Pedrouzos non poderán acceder ao comedor escolar. En este caso trátase dun servizo xestionado directamente pola Xunta de Galicia.
Andaravía lembra que se trata dun servizo esencial para a conciliación da vida familiar e laboral. Explican que os criterios usados pola Consellaría de Educación deixan fora a metade das familias e din que son “anacrónicos e non responden ás necesidades actuais que temos as familias. A falta de prazas de comedor é un problema que se arrastra desde hai anos, pero agora agrávase polas restricións a que obriga a pandemia da COVID-19”.
Redución de prazas
Para este curso o colexio tiña máis de 400 prazas de comedor previstas para o CEIP de Pedrouzos no mes de xuño, con esta cifra todas as familias que o solicitaron estaban admitidas.
Os cambios de criterio da Consellería en xullo e agosto reduciron ese número a 190 polo que a ANPA solicitou dúas quendas e persoal para atendelas. A Consellería non respondeu pero o concello si que se comprometeu a poñer monitores que atendan á primeira quenda mentres xanta a segunda.
Asi as cousas o 9 de setembro publícase a lista de 190 admitidos que deixan fora á metade das familias. Os criterios son 1. Vivir a máis de 2 Km do centro, 2. Sufrir exclusión social ou unha discapacidade, 3. Familia numerosa, 4. Incompatibilidade dos horarios laborais dos dous proxenitores co horario de saída ao mediodía e 5. O resto.
Finalmente a Xunta de Galicia non permite a segunda quenda de comedor xa que só autoriza incrementar de 15 a 27 o número de voluntarias e voluntarias de comedor. Iso si, as persoas voluntarias deben ser pais, nais ou titores legais do alumnado do centro. Noutras palabras: o aumento de prazas no comedor, imprescindible para garantir a prestación deste servizo fundamental, está condicionada a que haxa 27 persoas que cumpran con ese requisito de vínculo co alumnado e teñan, ademais, a posibilidade horaria de colaborar de xeito altruísta. Unha solución inviable porque os que quedan fora, polos criterios de selección, son os que precisan do comedor porque a esa hora están traballando.
En opinión da ANPA, a solución da Xunta “é, en verdade, un pau nas rodas que dificultar o necesario desdobramento do comedor. Un modelo de xestión directa, que podería ser exemplar, é deste xeito convertido nun servizo abocado á desaparición pola negativa a reestruturar criterios de funcionamento”.
Desde a ANPA esixen a rectificación da resolución da Consellaría que fixa estes criterios restritivos para podermos desdobrar o comedor e cuxo contido fixo público onte a dirección do CEIP. En caso contrario, as familias ameazan con mobilizacións “para que se garanta un servizo de comedor seguro e capaz de cubrir a importante demanda actual, imprescindible para poder conciliar a vida persoal e profesional”.