Ames, 24 de agosto do 2021 – A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou licitar a redacción do proxecto para a construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade.
Trátase dun proxecto financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Este centro multifuncional está dirixido non á mocidade e persoas en risco de exclusión social no Milladoiro, no entorno do polígono e a igrexa de esa localidade.
O proxecto de redacción aprobado xurde do concurso de ideas, con intervención de xurado, desenvolto en xuño do 2020 como anteproxecto. Tras a súa resolución (27/05/2021) declárase a proposta gañadora como adxudicataria do contrato de servizos para a redacción de proxecto básico e execución, coordinación de seguridade e saúde, dirección facultativa de obra e traballos de documentación final da obra.
O adxudicatario do centro multifuncional redactará agora un proxecto que comprenda a execución da edificación, con detalle suficiente de acordo ao exposto no prego de condicións técnicas, aos requirimentos do Concello e a idea de anteproxecto.
Por outra banda a entidade encargarase da dirección de obra así como da coordinación de seguridade e saúde, garantindo a correcta execución dos traballos proxectados.
Os obxectivos da posta en marcha do centro multifuncional do Milladoiro son a creación dun espazo que fomenta a cohesión social e asegurar a ancoraxe da poboación xuvenil no concello, poñendo á súa disposición espazos atractivos para o lecer e cultura.
Segundo o alcalde de Ames, Blas García, “este proxecto vai a significar un antes e un despois para o Milladoiro, xa que este edificio achega unha funcionalidade importante e necesaria para este núcleo”, ademais, continúa “a zona onde se vai a construír este edificio vai a converterse no centro dos servizos e actividades de ocio, lecer e formación do Milladoiro”.