Rois, 7 de setembro do 2021 – O concello de Ros aprobou en pleno a firma dun convenio con Augas de Galicia que permitirá a construción da nova EDAR de Urdilde.
Será o organismo autonómico o encargado da redacción do proxecto e a construción da nova instalación. A depuradora de augas residuais de Urdilde contará cun orzamento cercano ao millón de euros.
Ás preguntas de BNG e PSdeG sobre cal era o proxecto, o tipo de instalación que se vai acometer e se iría no mesmo sitio que a actual, o alcalde replicou que será Augas de Galicia a que redacte o proxecto, para dar unha solución de futuro á parroquia de Urdilde, e que a instalacións contará coas últimas tecnoloxías.
Por unanimidade aprobouse tamén a moción do BNG para solicitarlle ao goberno central que estableza os mecanismos necesarios para reducir a tarifa da luz. A elección de xuíz de paz substituto, para o que se presentou só a mesma persoa que leva varios anos exercendo este posto, foi aprobado tamén polos tres grupos políticos con representación na Corporación.
Na sesión tamén se acordou a desafectación dun camiño público no lugar de Oín, na parroquia de Santa María de Oín, como solicitara a veciñanza, para mellorar o acceso a diversas fincas. O punto contou co voto favorable de PP e PSdeG e a abstención do BNG.
Coa abstención do PSdeG, o voto en contra do BNG, o PP aprobou convocar un concurso para a cesión en uso mediante concesión demanial da área de aparcamento municipal situada no ámbito da ampliación de Aluminios Cortizo. Trátase dunha finca situada preto da fábrica que no seu día fora cedida por Cortizo ao Concello.
O alcalde xustificou a proposta de sacar a concesión a concurso público (pola que o Concello percibirá algo máis de 57.000 euros) porque esa parcela está preto da fábrica e a lei non permite o cambio dese terreo por outro, e que como aparcadoiro público fará tamén un servizo ás persoas que traballen na fábrica. A concesión farase por un período de 75 anos.
A moción presentada polo BNG reclamando un plan de mantemento de edificios e espazos públicos contou co apoio do PSdeG, pero foi rexeitada polo PP ao asegurar o alcalde que o equipo de goberno está a realizar cada ano o mantemento dos locais e na realización de actividades nas diferentes parroquias.
No capítulo de rogos e preguntas, o BNG interesouse polo parque eólico Huracán, que saiu a exposición pública e contempla 3 aeroxeneradores en Rois. O alcalde indicou que o técnico municipal está examinando o proxecto para ver que actuacións se poden facer dende o concello. O BNG solicitou que se dé traslado dese informe aos grupos da oposición.
Dende o Concello xa se remitiu un bando á veciñanza explicando que as persoas que se poidan sentir afectadas poden solicitar máis información no concello e que teñen de prazo ata o 29 de setembro para presentar alegacións.
O grupo socialista preguntou cando van comezar as obras de mellora do CPI dos Dices, respondendo o alcalde que o retraso é debido a falta de materias primas e que o cambio de cuberta e ventás no colexio empezarán cando se conte con material necesario.