A Estrada, 13 de xaneiro do 2021 – O Concello da Estrada, xunto coa Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convocan a primeira edición do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado.
Poderán optar ao I Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, todas as obras de tema libre, inéditas en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil. As bases definen como álbum infantil o conxunto de texto e ilustración, no que tanto a escrita como as imaxes serán valoradas por xunto, concedéndoselles similar importancia.
Os autores garantirán a autoría e orixinalidade da obra presentada ao premio, así como que non é copia ou modificacións de ningunha obra allea nin integral nin parcialmente.
As obras serán en lingua galega, seguindo a normativa oficial establecida pola RAG/ILG. As obras deberán ter unha extensión, sen incluír a cuberta e contra cuberta e as gardas, dun mínimo de 24 páxinas e un máximo de 56.
O prazo de admisión de orixinais rematará o 25 de febreiro. Establecese un premio único de 2.000 euros para o gañador ou gañadora. De seren dúas ou mais as persoas ganadoras, a contía do premio repartirase equitativamente entre todas elas.
O álbum gañador será́ publicado pola Editorial Galaxia, que se reserva o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares, da primeira edición e reimpresións, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición tanto da segunda e seguintes edicións en lingua galega coma da súa tradución a outros idiomas.
As bases completas pódense consultar no seguinte enlace.

