Teo, 15 de decembro do 2021 – O Partido Popular de Teo presentou no rexistro da deputación da Coruña máis de 1.200 firmas de veciños para pedir o arranxo da estrada DP-8201.
As sinaturas foron recollidas nas cinco parroquias do municipio (Teo, Oza, Vilariño, Santa María de Teo, Bamonde e Lucí) coas que os populares urxen á institución provincial a que poña en marcha o proxecto para levar a cabo a reparación da estrada.
Acompañado polo secretario xeral do PP na provincia, Evaristo Ben, o portavoz dos populares en Teo, José Manuel Guerra, subliñou que a vía se atopa nun estado de mantemento “moi deficiente” e conta con varios puntos de perigo pola escasa visibilidade e por ser unha calzada excesivamente estreita.
Guerra engade que “Estamos a falar dunha das vías máis transitadas do municipio, onde viven máis de 2.000 veciños e que serve de conexión con outros concellos como Padrón, Rois ou Vedra”.
Cansados de esperar a que o organismo provincial aprobe o proxecto, o portavoz do PP en Teo afirmou que a súa formación se viu “obrigada” a realizar esta recollida de firmas despois de que, explicou Guerra, os veciños leven moito tempo esperando por unha actuación que permitiría ensanchar a vía, suprimir a algunhas das súas curvas e, por tanto, mellorar a seguridade viaria dunha zona na que, prol exemplo, os autobuses non teñen espazo para cruzarse.
“Non é tolerable que sigamos esperando por esta obra. Xa fai máis dun ano que o pleno da Deputación aprobou unha moción na que se reclamaba este proxecto e, posteriormente, o presidente provincial contestou un rogo presentado polo PP no que confirma que se estaba traballando para dá luz verde a esta iniciativa”, apuntou Guerra, quen asegurou que “o único que nos queda por facer é ou unha concentración na zona ou que os veciños se presenten a un pleno provincial”.