A Estrada, 27 de xaneiro do 2022 – A Asociación Cultural Vagalumes presenta o traballo sobre os cruceiros da Estrada de Olimpio Arca Caldas.
A cita será o vindeiro venres 4 de febreiro, oito e media da tarde, no MOMA da Estrada. “Cruceiros da Estrada” foi un proxecto desenvolto hai corenta anos por Olimpio Arca co seu alumnado de Vea. A publicación conta coa axuda de Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra e foi actualizada con imaxes da situación actual destas pezas.
A Asociación Cultural “Vagalumes” enmarca esta actuación dentro do que denominan “ProxectOuzamerxe”. O proxecto non só é de denuncia senón sobre todo de difusión e posta en valor do patrimonio.
Cruceiros da Estrada
Este traballo de Olimpio Arca foi levado a cabo hai 40 anos (1981). Con anterioridade xa tiña traballado co seu alumnado de Vea na mesma liña, dando lugar a outra investigación sobre os cruceiros dese val, que fora premiado polo museo de Pontevedra.
Entronca coa tradición do Seminario de Estudos Galegos e dos mestres membros desa entidade como Manuel Barreiro Paradela que desde Ramiráns fixera unha unidade didáctica para dar coñecer a xeografía a partir da propia realidade. Conecta tamén coa iniciativa que estaba a desenvolver Antonio Fraguas desde o Instituto da Estrada. Iniciativas todas elas truncadas polo golpe militar fascista.
Ese labor de coñecemento e divulgación do patrimonio que Olimpio Arca retoma en pleno franquismo ten unha importancia fundamental tanto desde o punto de vista cultural como pedagóxico. Os medios con que contaba eran escasos e a receptividade do esforzo moi cativa; con todo, non desistiu en toda a súa vida de teimar en coñecer o propio e, sobre todo, de aprender a amalo.
Coa publicación deste estudo escolar, que ten rigorosidade académica, Vagalumes tenta continuar e prolongar o seu proxecto baixo a denominación de ProxectOuzamerxe. Este nome xorde pola situación na que se atopa o cruceiro desta aldea, exemplo do estado do patrimonio en xeral.
Dentro do ProxectOuzamerxe tentarán recuperar, restaurar, valorar e difundir todo patrimonio, e para iso convidan a toda a veciñanza a colaborar achegándo a súa contribución de xeito libre e aberto para poñer a disposición de todo o mundo, axudándo como informantes, doantes ou simplemente altofalantes desta proposta.