A insuficiencia da Garda Civil para cubrir o territorio rural con garantías é unha constante das últimas décadas. Moito territorio e poucos axentes, mesmo incluíndo ás policías locais, é un campo abonado para os roubos que de cando en vez aparecen de novo.
Despois de que a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, reunírase coa Garda Civil para pedir máis efectivos agora é a quenda de Silleda que alerta varios roubos rexistrados no casco urbano.

Os feitos acontecidos na tarde do sábado parecen seguir o mesmo “modus operandi” que outros roubos rexistrados nas últimas semanas en localidades como Teo, Vedra, A Estrada ou Boqueixón.
Arredor das 19:00 horas rexistráronse roubos en dúas vivendas dun mesmo edificio situado no casco urbano. En ámbolos dous casos notificouse a subtracción de xoias e diñeiro en efectivo.
Os feitos están a ser investigados pola Policía Local e polo equipo ROCA da Garda Civil. Na actualidade estase a traballar no esclarecemento dos feitos e na identificación das persoas autoras destes actos.
Así mesmo, dende o Concello comunícase que xa se incrementou a presenza policial e a vixilancia no casco urbano, co obxectivo de reforzar a seguridade da veciñanza.
Medidas de prevención
Dende o Concello de Silleda quérese lanzar unha mensaxe de tranquilidade, se ben se apela á prevención e á colaboración cidadá. Neste senso, lémbrase á veciñanza a importancia de reforzar medidas básicas de seguridade, como pechar sempre con chave a porta da vivenda, incluso cando se vai estar fóra por un curto espazo de tempo ou mesmo cando se permanece no interior do domicilio.
Dende o Concello e as forzas de seguridade agradécese a colaboración cidadá e lémbrase a importancia de comunicar calquera información que poida resultar de interese para a investigación.
