Compostela, 8 de novembro do 2018 – Nesta segunda xornada do festival, Cineuropa renderá unha necesaria homenaxe ao cinema indomeable e transfronteirizo de Isaki Lacuesta outorgándolle o primeiro dos tres premios desta edición.

A cerimonia de entrega do premio terá lugar ás 20:15 h. no Teatro Principal. O acceso é gratuíto previa recollida de convite no despacho de billetes da mesma sede. Isaki Lacuesta escribiu e dirixiu 9 longametraxes, o último dos cales Entre dos aguas recibiu a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Entre outros premios á súa traxectoria, recibiu o Premio Nacional de Cinematografía da Generalitat de Catalunya (2012), o Premio Ciutat de Barcelona (2011), o Premio Sant Jordi (2002, 2017), e o Premio Eloy de la Iglesia (2010, Festival de Málaga).
As súas películas proxectáronse en festivais de todo o mundo e en centros artísticos tan prestixiosos como o MOMA de Nova York, a National Gallery de Washington (que lle dedicou unha retrospectiva completa en 2013), o Lincoln Center e o Anthology Filme Arquives (Nova York). Este mes de novembro, o Centro Georges Pompidou de París dedicaralle unha retrospeciva completa á súa obra. Na actualidade está a preparar o documental Suena una llamada codirixido xunto a María San Miguel, en fase de preprodución.
Entre dos agusa de Isaki Lacuesta
A xornada

Á parte das proxeccións no Teatro Principal, a programación deste xoves no marco de Cineuropa ampliarase ao Salón Teatro e aos Multicines Compostela con varios filmes pertencentes ás diferentes seccións do festival. Ás 16:30 h. no Salón Teatro e ás 17:45 h. no Principal, proxectaranse dous documentais dedicados a dous cineastas inesquecibles: Ata tu arado a una estrella, de Carmen Guarini, constrúe un sólido retrato dese humanista que foi Fernando Birri, un dos pais do Novo Cinema Latinoamericano. Pola súa banda, Bergman: a year in a life, de Jane Magnusson, conmemora o centenario do nacemento do lendario cineasta sueco Ingmar Bergman.

Ás 18:15 h. dará comezo Ojos de madera no Salón Teatro, un fermoso e escuro conto cinematográfico para adultos de Germán Tejeira e Roberto Suárez que segue a Víctor, un neno afogado nas súas turbias visións que o achegarán á tolemia. O filme será presentado polo mesmo protagonista, Pedro Cruz, con quen poderemos conversar.
Outras grandes estreas do día son Tigre (Multicines Compostela ás 19:30 h.), de Silvina Schnicer e Ulises Porra Guardiola, un filme de atmosfera exuberante e húmida próxima á de La ciénaga de Lucrecia Martel; A land Imagined, de Yeo Siew Hua (ás 20 h. no Salón Teatro), Leopardo de Ouro no Festival Internacional de Cine de Locarno; a suxestiva ópera prima da eslovena Sonja Prosenc Historia de amor (no Salón Teatro ás 21:45 h.); e Las hijas del fuego, o último filme da arxentina Albertina Carri —de quen o ano pasado puidemos ver Cuatreros neste mesmo festival—, unha historia realizada por un equipo totalmente composto por mulleres libérrimamente dedicado ao pracer, á diversión e á procura dun grupo de mulleres na procura da súa propia erótica.

Proxeccións da xornada
TEATRO PRINCIPAL
16:00 EL CRIMEN DE CUENCA* Pilar Miró
17:45 BERGMAN: A YEAR IN A LIFE Jane Magnusson
20:15 CERIMONIA DE ENTREGA DO PREMIO CINEUROPA A ISAKI LACUESTA – ENTRE DOS AGUAS** Isaki Lacuesta
23:15 LAS HIJAS DEL FUEGO Albertina Carri
SALÓN TEATRO
16:30 ATA TU ARADO A UNA ESTRELLA Carmen Guarini
18:15 OJOS DE MADERA Germán Tejeira e Roberto Suárez, con presentación e coloquio.
20:00 A LAND IMAGINED Yeo Siew Hua
21:45 ZGODOVINA LJUBEZNI / HISTORIA DE AMOR Sonja Prosenc
MULTICINES COMPOSTELA (SALA 2)
17:30 UN SINGE EN HIVER / UN MONO EN INVERNO* Henri Verneuil
19:30 TIGRE Silvina Schnicer e Ulises Porra Guardiola
21:15 JETZT.NICHT. Julia Keller
22:45 MACUNAÍMA* Joaquim Pedro de Andrade
MULTICINES COMPOSTELA (SALA B)
22:00 LA GRANDE BOUFFE / O GRAN BANQUETE* Marco Ferreri
Nota: as películas marcadas cun asterisco son con entrada libre e as que están marcadas con dous asteriscos son de balde previa retirada de convite.
