Ames, 5 de xuño do 2017 – Ata o 30 de xuño o Fútbol Club Meigas desenvolve unhas xornadas de portas abertas de fútbol feminino co obxectivo de captar nenas que se integren nos diferentes equipos que ten este club de Ames.
Todas as nenas que queiran probar se lles gusta a práctica do fútbol sala poderano facer durante os mércores 7, 14, 21 e 28 no pavillón polideportivo do Milladoiro, e os venres 2, 9 e 30 no pavillón polideportivo de Bertamiráns.
Existen tres quendas diferentes para asistir aos adestramentos. No Milladoiro; de 18:30 a 19:30h terán que acudir as nenas nadas do 2012 ao 2005; de 19:30 a 20:30h as rapazas nadas de 2004 a 2001; e de 20:00 a 21:30h as que naceron antes de 2001. Por outra banda, a Bertamiráns acudirán de 18:00 a 19:00 as nenas nadas do 2012 ao 2005; de 19:00 a 20:00 horas as rapazas nadas de 2004 a 2001; e de 19:30 a 21:00h as que naceron antes de 2001.
Segundo explican dende o Fútbol Club Meigas “neste club non só atoparás hábitos de vida saudable, senón un grupo humano excepcional onde te integrarás tanto dentro coma fóra da pista de xogo”.
Club composto de 4 equipos e arredor de 60 xogadoras
O Fútbol Club Meigas foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa fundación o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 4 equipos e arredor de 60 xogadoras. O Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podes chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o Facebook http://www.facebook.com/FCMeigas.