Ames, 10 de maio do 2017 – A Xunta de Goberno Local de Ames acaba de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, cun único criterio de adxudicación (factor prezo), e con tramitación ordinaria, da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro.
Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros.
No pasado mes de marzo o alcalde de Ames, José Miñones, e o deputado provincial responsable da área de cooperación cos concellos, Xosé Regueira, asinaron o contrato de colaboración para sufragar este proxecto entre ambas administracións. Unha vez realizado dito trámite, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das devanditas obras.
A Deputación da Coruña achegará 65.464,82 euros a través dunha subvención nominativa para financiar o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón. O Concello asumirá o custe restante, que representa o 20%, e que son 16.366,20 euros.
O rexedor municipal explicou que “a mellora das instalacións deportivas é unha prioridade para este goberno ante o escaso investimento realizado en anteriores anualidades. Grazas a axuda económica que nos vai achegar a Deputación poderanse mellorar os servizos ofertados no pavillón municipal do Milladoiro. Ademais, permitirá dispor dun novo espazo nesta infraestrutura para realizar novas actividades”.
Actuacións no pavillón de Bertamiráns
Por outra banda, dende a Concellaría de Deportes teñen previsto realizar outras actuacións no pavillón de Bertamiráns consistente en cambiar o pavimento con cargo ao plan complementario do plan provincial de acción social (PAS), para o que se está acelerando a tramitación administrativa de cara a chegar á nova tempada co novo chan instalado, así como a construción dunha pista de squash e sala multiusos con fondos propios.