Ames, 6 de marzo do 2018 – Un dos servizos que mellor funcionan en Ames e dos máis valorados, o roupeiro municipal, é o centro dunha polémica xurdida a raíz dunha denuncia do Partido Popular sobre o estado da roupa almacenada na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O roupeiro municipal de Ames ten dous puntos de recollida nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. Desde eses puntos de recollida a roupa vai a un local de Aldea Nova no que os voluntarios o clasifican, ordenan e preparan descartando a que non sirva.
Na nota o Partido Popular fala do punto de recollida de Bertamiráns e di ” A roupa doada, lonxe de depositarse e empaquetarse convenientemente en envases adecuados, amontóase e permanece no punto de recollida durante meses. A humidade do espazo, o feito de que moita roupa non se saca das bolsas de plástico nas que son levadas polos doantes, e a falta de manipulación e empaquetado conveniente, e os longos períodos de tempo que permanece sen ser aireada a roupa, orixinan mal cheiro e descomposición dos tecidos, algúns en estado inicial de putrefacción polas condicións en que se atopan”, xunto a o comunicado os populares enviaban imaxes da situación en ese punto.
A concellería de voluntariado de Ames, da que é responsable Isabel Cancela, contestaba a nota dos Populares explicando o procedemento que se sigue e que en ningún caso consiste en clasificar a roupa nos puntos de recollida. Cancela engade na nota que na tarde de onte visitaron tamén o punto de recollida de Bertamiráns ” onde se puido comprobar a existencia de roupa á espera de ser enviada ao roupeiro municipal, pero en ningún momento a existencia de cheiros, nin humidades”. Isabel Cancela falaba con Lindeiros aclarando o sucedido
O roupeiro de Ames é un dos servizos mellor valorados polos veciños. O traballo dos voluntarios desde o 2002 permitiu vestir a moitas persoas en risco de exclusión e aforrar cartos a outras moitas sendo un exemplo de colaboración cidadá que nunca, ata o momento, fora cuestionado.