A Comisión de Festas de Carme do Castelo e o concello da Pobra do Caramiñal presentaron esta edición dos Pasabares nos que a música tradicional será a protagonista.
A VII Edición do Pasabares terá lugar o vindeiro Sábado 29 de marzo. contará con arredor de 25 grupos participantes e máis de 20 locais implicados, arrancará cunha foliada no Toldo da Covecha ás 18:00h, que servirá como previa ao inicio do Pasabares, que comezará ás 20:00h da tarde.

Unha vez chegadas as 23:30h, o grupo “Os Enxebres de San Lázaro” darán un concerto no Toldo da Covecha, tras o cal se dará paso a unha foliada libre. A concelleira Patricia Lojo explica que “O Pasabares é unha oportunidade perfecta para continuar apoiando, por unha banda, á música tradicional e a cultura do Concello da Pobra do Caramiñal, e pola outra, á nosa hostalaría”.

Os asistentes terán a oportunidade, ademais, de acceder a un amplo abano de premios ofertados polos locais a través da compra das rifas do Pasabares, que estarán a disposición de quen as solicite ao longo de toda a xornada.
As bases do concurso están publicadas na páxina web da Concellería de Cultura.