Silleda, 9 de xuño do 2021 – Despois de que a Consellería de Medioambiente freara a Plenoil na intención de construír unha gasolineira no Barrio do Campo de Silleda a empresa presentou un recurso contencioso administrativo contra a Xunta de Galicia.
Agora o concello de Silleda persoarase no litixio como parte co demandada. O alcalde Manuel Cuíña explica que “Dende o Concello, como fixemos dende o inicio deste proceso, estaremos ao lado da veciñanza, xa que non estamos tampouco de acordo co emprazamento proposto”.
O rexedor lembra ademais que a resolución de Medio Ambiente veu dada polo informe realizado dende o Concello de Silleda con data de 14 de xaneiro, no que se advirte que o uso solicitado non é compatible co Plan Xeral aprobado provisionalmente para o municipio de Silleda. “Ganamos esa primeira batalla, pero como era de esperar, agora a empresa recurreu a decisión, e seguiremos personándonos nesta demanda amosando o noso apoio ao non estar de acordo ca ubicación proposta”, engade.
O Concello de Silleda, ao igual que moitos veciños da zona, presentou ademais deste informe unha alegación o pasado mes de xaneiro, centrándose en cuestións relacionadas coa afección ambiental nunha zona onde existen humidaís ou mananciais. Así mesmo tamén se considerará o feito da existencia dunha estación de servizo moi preto da ubicación proposta.
O modelo de autoservicio, sen persoal que atenda, tamén apunta cara a unha diminución da seguridade nunha actividade que require atención constante polo tipo de produtos que se subministran.