Compostela, 29 de xuño do 2021 – O Partido Popular solicitou un Pleno extraordinario para debater a que consideran “situación de risco” do polo biotecnolóxico da Sionlla.
O concelleiro do Partido Popular, José Antonio Constenla, explicou en rolda de prensa que “este proxecto acumula un importante retraso que pode facer fracasar o proxecto”. O Grupo Municipal Popular solicitaralle tamén ao Goberno local a constitución dunha comisión de seguimento para que determine as responsabilidades susceptibles de ser esixidas polo mencionado retraso e que esa comisión supervise a tramitación pendente, a fin de evitar máis demoras.
En xuño de 2021, a Xunta de Galicia concedeu 4 millóns de euros á sociedade Sionlla Biotect, participada pola Asociación de Empresarios do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago e por Uninova. A empresa ten que construir antes de xullo do 2022 un centro de fabricación avanzada sobre unha parcela que o Concello tiña que ceder.
Os Populares explican que, pasado máis dun ano deste acordo, “o Concello non moveu ficha e non foi quen de ceder a parcela, polo que existe un risco evidente de perder os 4 millóns de euros”. Según o PP “aínda que o Goberno galego chegue a ampliar o prazo inicial, a neglixencia ou falta de pulso do Concello é tan grave que esixe a constitución dunha comisión que aclare o acontecido”.
Para Constenla Ramos, “merece a pena que se lle explique aos cidadáns o por que do retraso, ao noso xuízo totalmente inxustificado, dun proxecto como o do polo biotecnolóxico que é estratéxico para a cidade. A ninguén se lle escapa que despois dos meses de pandemia quedou en evidencia que a cidade non pode apostar por un modelo produtivo só baseado no turismo ou no comercio de inmediatez, é necesario apostar por unha industrialización e por un tecido produtivo que fortaleza a economía de todos e, sen dúbida, o proxecto do polo biotecnolóxico significa apostar polas novas tecnoloxías e a investigación”.