Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

PUBLI bng 25 XULLO
Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Compostela
  • Xeral

O pleno de Compostela move a cidade entre o ruído

Os distintos plenos aprobaron orzamentos e proxecto de importancia para Compostela

Imaxe do pleno celebrado en Compostela

Compostela, 27/03/2026 – Non se pode negar que en Compostela hai moito ruído, político pero ruído despois de todo. Pese a ese ruído cada mes o pleno aproba e avanza en cuestións fundamentais para a cidade.

En este fin de mes a primavera conseguiu que floreceran uns orzamentos anuais, o plan de Peleteiro, ou o regulamento do centro para persoas sen fogar entre outros moitos temas.

Posiblemente nada convenza ao cen por cen e as eivas e as dificultades continuarán. Hai que pensar que moitas veces é mellor moverse que esperar a cambie o tempo, é o único xeito de avanzar e estes plenos fixeron iso.

Orzamento

Tras un toque de atención no que quedou claro a minoría do equipo de goberno e a falta de apoios o orzamento 2026 foi aprobado inicialmente. En realidade o que se aprobou foi a moción de confianza á que se vincularon as contas.

Os votos positivos (emitidos de forma nominal pola natureza da cuestión de confianza) dos membros do grupo de goberno (BNG e CA) e das concelleiras e concelleiros non adscritos fixeron prosperar a cuestión. Os membros do PP votaron en contra e os dous integrantes do PSOE manifestaron a súa abstención.

Unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia, o Orzamento Xeral e o Cadro de Persoal para o exercicio 2026, ábrese un período de 15 días hábiles para a presentación de alegacións.

Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu, en primeiro lugar, tanto o voto a favor das NA como o do Grupo Socialista para que o pleno extraordinario e urxente tivese lugar este xoves ás 9.00 horas.

Sanmartín Rei explicou que, unha vez que a oposición “frustrou” que este mércores Santiago contase coa aprobación inicial dos orzamentos, cumpría que o goberno e ela mesma tomasen unha decisión, polo que se acolleu ao artigo 197 bis da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral, para vincular a aprobación do proxecto de orzamentos de 2026 a unha cuestión de confianza.

“Non outorgarlle hoxe a confianza a este goberno significa, en última instancia, que o proxecto de orzamentos ficará aprobado despois dun mes, salvo que, con anterioridade a esa data, se presente unha persoa candidata á Alcaldía. Mais é evidente que isto, polas afirmacións realizadas polos grupos, non se vai producir”, manifestou a rexedora municipal.

Por iso, Goretti Sanmartín fixo un chamamento á responsabilidade. “Non polo goberno, senón pola xente de Compostela, para que este concello siga avanzando e mellorando”, agregou. “Solicito o seu apoio, a súa confianza, para que o proxecto de orzamentos poida continuar o seu camiño”, apelou.

No turno de réplica, a rexedora agradeceu o voto favorable ás concelleiras e ao concelleiro non adscritos, e destacou que o proxecto de orzamentos foi dialogado e que se incorporaron cuestións abordadas nese proceso.

O orzamento para 2026 sobe un 1,64 % respecto do de 2025 e supera os 148 millóns de euros (148.532.471,20). O montante consolidado coas entidades do sector público municipal ascende a case 152 millóns. No relativo aos ingresos, o goberno decidiu non subir os impostos á veciñanza, máis alá da modificación aprobada para gravar as vivendas que permanecen baleiras e que non ten relevancia orzamentaria.

O incremento dos ingresos correntes, que suman 143.020.457,98 euros, débese á mellora na xestión recadatoria, que este ano continuará avanzando coa recuperación da cobranza do lixo por parte dos servizos municipais (ata agora facíase a través da factura da auga), a novos conceptos como a taxa de depuración —na parte que corresponde á EDAR da Silvouta xa entra nas contas municipais— ou aos aparcadoiros do Ensanche, que se recuperan para a xestión pública.

Por outro lado, a previsión de ingresos de capital sitúase en 2.455.013,22 euros e diminúe respecto de 2025, entre outras cuestións porque os 5,8 millóns de euros procedentes do alleamento de parcelas xa non se recollen neste novo orzamento, así como polas transferencias de capital correspondentes ás axudas Next Generation (superiores ás dos proxectos EDIL).

En canto aos ingresos correntes, suman 143.020.457,98 euros, mentres que os gastos correntes ascenden a 139.143.940,92 euros, o que xera un aforro de máis de 3 millóns de euros que tamén se destinan a investimentos. Debido á limitación da posibilidade de recorrer ao crédito polas regras de gasto, este concepto queda en 2.972.000 euros.

Estes orzamentos tamén fan un esforzo no capítulo de persoal (capítulo I), que aumenta de 41,1 millóns de euros en 2025 a 45,8 millóns de euros en 2026, e supón o 31 % do total do orzamento. Isto permite, ademais de non amortizar ningunha praza das 42 vacantes por xubilacións nin das 12 transferidas ao Sergas, crear cinco novas prazas por riba das taxas de reposición (3 de policía local e 2 de administración xeral). A recuperación de prazas permitirá aumentar en seis os efectivos da dotación de bombeiros e cubrir necesidades noutros departamentos.

Son uns orzamentos que tamén reservan importantes cantidades para a prestación de servizos públicos, cunha dotación de 70 millóns de euros (capítulo II), que en termos xerais medra un 5,65 %: limpeza e recollida de residuos (14,1 millóns), funcionamento da depuradora (4,2 millóns), mantemento das áreas de xogo (412.000 euros) e das zonas verdes (4,1 millóns), e SAF (6,3 millóns de euros), entre outras actuacións. O investimento social é o máis alto da historia do concello, situándose nos 177 euros por habitante.

Peleteiro

A modificación do PXOM para desbloquear a parcela de Peleteiro tamén foi aprobada pero queda aínda ver que sucede co previsible recurso nos tribunais da Asociación Raigame.

Non sería a primeira vez que o desenvolvemento urbanístico da parcela de Peleteiro queda frustrado nos xulgados. Tan lícito é intentar sacala a diante aínda que non sexa a mellor opción, como que os veciños reclamen o que consideran xusto.

O que o Pleno de Compostela aprobou este xoves, cos votos a favor de BNG, CA, PSOE e concelleiro e concelleiras non adscritas e os votos en contra de PP, foi a modificación puntual e definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) PERI-12,  “Un día para parabenizarnos o conxunto da cidade”, subliñou a rexedora compostelá.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, deu conta da proposta, “unha solución razoable, razoada, equilibrada e optimizada que conxuga diferentes necesidades, condicionantes e demandas para resolver a situación deste espazo de oportunidade no corazón do Ensanche compostelán” e que “introduce tres melloras substanciais” con respecto ás anteriores: o incremento da reserva para vivenda protexida, que pasa do 20 ao 45%; o aumento da apertura cara á rúa da República Arxentina ata acadar os 34 metros; e o acordo coa propiedade.

Regulamento Centro Persoas Sen Fogar

Aínda que para algúns poida parecer un tema menor o certo é que o Centro Para Persoas Sen Fogar é un proxecto aparcado inxustamente na anterior lexislatura. Non se pode xulgar a quen vive na rúa e que precisan axuda é unha obviedade.

O primeiro é un lugar para estar pero as normas de ese espazo son fundamentais, son as que poden provocar un cambio na súa vida. Iso foi o que o pleno aprobou.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, explicou que o Centro de Atención ás Persoas Sen Fogar de Belvís vai “complementar os recursos e as medidas que xa temos implementadas desde o Concello para a atención a este colectivo”, como a atención en rúa a través do SEMUS, as vivendas de transición, o programa de pensións, ou os protocolos de derivación a albergues de pernoita.

O obxectivo é ofrecer “un centro de media estadía que proporcione un espazo estable, seguro e acompañado profesionalmente, favorecendo itinerarios de inclusión social e laboral e seguindo o modelo housing first”.

A ordenanza prevé que as persoas usuarias permanezan no centro un tempo estimado de entre seis meses e dous anos, se ben este prazo podería ser ampliado se así o considera o equipo técnico co obxectivo de garantir a recuperación integral e a inclusión das persoas sen fogar.

Nese sentido, o centro funcionará cun modelo de “Atención Integral Centrada na Persoa”, un enfoque profesional que se fundamenta nos principios da autodeterminación, a dignidade, a autonomía e o empoderamento da persoa usuaria. Seguindo ese modelo, durante a estadía establécense tres fases de intervención coas persoas usuarias: unha primeira de avaliación inicial na que se identificarán as necesidades concretas da persoa usuaria e se definirán os itinerarios de traballo con ela; unha segunda fase de intervención e acompañamento; e unha terceira fase de inserción e autonomía na que se procurará a transición da persoa cara unha vida autónoma, reducindo a súa dependencia do propio centro.

O regulamento define tamén cuestións como a organización do centro, as condicións de acceso, e tamén o réxime de infraccións e sancións do equipamento. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lembrou que en Santiago son atendidas unha media de 20 persoas diarias en situación de senfogarismo, un total de 400 persoas ao longo de 2025.

María Rozas explicou que Compostela non é unha excepción, porque no conxunto de Galicia os datos falan de máis de 2.400 persoas sen fogar e no conxunto do Estado superan as 28.500.

Nese sentido, a tenenta de alcaldesa mostrouse convencida de que “o Centro de Belvís será un antes e un despois na atención a este colectivo, e Santiago demostrará unha vez máis que é cidade de acollida”.

Post navigation

Previous: A Deputación licita o último tramo da Vía Verde Compostela- Tambre-Lengüelle
Next: A Baña segue pagando as débedas do pasado

Máis novas

Un momento do último Consello de Goberno da USC
5 minutes read
  • Xeral

A convivencia interxeneracional un dos eixos do plan de vivenda de estudantes da USC

José Antonio Domené solista na entrega do Portus Apostoli no Harp Fest de Noia
5 minutes read
  • Xeral

O arpista José Antonio Domené súmase ao Noia Harp Fest

Unha imaxe da última edición do WOS Festival
3 minutes read
  • Xeral

Primeiras confirmacións no WOS Festival 2026

Vehículos de emerxencias nunha intervención
2 minutes read
  • Teo

Teo homologa o Plan de Emerxencias Municipal

Imaxe da Ponte Maceira nas Noites en Vela nuha edición pasada
3 minutes read
  • Xeral

Hoxe chegan as Noites en Vela de Ponte Maceira

Imaxe aérea de Bertamiráns, imaxe de Google Maps
2 minutes read
  • Ames

Alertan da inseguridade en Bertamiráns, Ames

O desenvolvemento de novos fármacos é un proceso longo e complexo. A galega Celtarys, radicada en Compostela, ven de presentar unha tecnoloxía que reduciría o tempo necesario, substituíndo sustancias radioactivas por solucións máis accesibles, sustentables e utilizables en calquera laboratorio.
4 minutes read
  • Xeral

A galega Celtarys desenvolve unha nova tecnoloxía para a validación de fármacos sen radiación

Cartel do festival Lanzadeira 2026
4 minutes read
  • Compostela

Maneiro artista invitado este sábado no Festival Lanzadeira

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2082) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2774) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (613) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1429) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1617) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (812) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (728) Politica (942) saúde (528) Servizos (2674) sindicatos (109) Social (552) sucesos (129) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (692) Turismo (222) Universidade (581) urbanismo (260) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.