Boqueixón, 11/05/2026 – A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a unha iniciativa para a plantación de viñedos en Boqueixón. A decisión supón o cambio de uso, de forestal a agrícola, a 110 parcelas que suman 4,8 hectáreas localizadas nas parroquias de Codeso, Sucira e Pousada.
Todas as zonas están nas lindes con Vedra. Alí a proliferación de grandes viñedos motivou a preocupación dos pequenos produtores. As plantacións ampliaranse agora a Boqueixón.
O informe de Impacto Ambiental no ve riscos sempre que no desenvolvemento do proxecto se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
O informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibira ningunha achega por parte do público en xeral, ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
En concreto, conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran as condicións específicas dispostas nos seus respectivos informes en relación con aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; sobre o patrimonio natural e cultural; xestión de residuos; integración paisaxística e restauración ou a prevención de riscos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén nos próximos días a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Para executar este proxecto nas parroquias de Codeso, Sucira e Pousada prevese realizar labores de retirada do estrato arbóreo existente, a preparación dos terreos (con movementos de terra e a retirada de pedras, entre outras actuacións), hidrosementeira de noiros, abonado, colocación de postes e arame e o plantado das vides.
O ámbito desta iniciativa, promovida por Viñedos Altos de Torona SL, é unha zona de pouca pendente dominada por pradarías, terreos dedicados á reforestación, masas de arborado autóctono e amplas parcelas que albergan plantacións de vide. Os núcleos de poboación próximos son de pequena entidade e asociados á actividade agrícola.
