A planta que xestiona en Lousame a Mancomunidade Serra do Barbanza ve achegarse un horizonte final no que perigan os postos de traballo pero tamén o servizo que prestan a moitos concellos

Fai meses que caducou o contrato de FCC e que se leva o lixo un vertedoiro en Sobrado dos Monxes por saturación do de Lousame. Era un escenario previsible a que ninguén puido ou quixo poñer solución.
A planta foi pioneira en reciclaxe cando se abriu pero a falta de mantemento e o paso do tempo obrigan a tomar medidas. Os traballadores, 125, levan tempo pedindo unha mesa de traballo con Xunta, Deputación e Ministerio para buscar a viabilidade pero non parece que haxa interese.
O último capitulo, polo momento, o escribiu o BNG ao levar ao Parlamento unha proposta de modernización da planta de Lousame. Proposta rexeitada polo PP e que levou á deputada nacionalista Rosana Pérez a declarar que “o PP continúa de costas a un modelo de reciclaxe sostíbel, mentres a planta de reciclaxe se afunde pola falta de apoio institucional”.
A iniciativa, ademais de pedir a implicación da Xunta para a modernización da planta de Servia, tamén recollía a proposta do comité de empresa para crear unha Mesa de traballo con todas as partes implicadas.
A deputada nacionalista criticou con dureza a posición do PP e da Xunta, “que optan por manter a Galiza na cola da reciclaxe estatal, apostando por un modelo obsoleto e antiecolóxico como o de SOGAMA, baseado na incineración, mentres deixan morrer alternativas como a planta de Lousame, que durante anos foi referente na recuperación de residuos”.
Segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, no ano 2018 a planta de Lousame acadaba unha recuperación do 36%, fronte ao 3,16% de SOGAMA. “A pesar destes resultados, a Xunta non só nunca apoiou esta planta, senón que a castigou con décadas de abandono e sen achegas económicas, mesmo nos momentos máis críticos”, denunciou Pérez.
A situación da planta, que presta servizo a máis de 86.000 persoas de nove concellos, é “insostíbel” segundo o BNG, debido á colmatación do vertedoiro, á falta de mantemento e á débeda acumulada pola Mancomunidade Serra do Barbanza.
A proposta nacionalista buscaba implicar institucionalmente á Xunta para garantir a continuidade do servizo e dos empregos, apostando por diversificar o tratamento de residuos e aproveitar o potencial xa existente; “A planta de Lousame pode e debe seguir sendo un modelo de reciclaxe de proximidade, sostíbel e xerador de emprego. Pero para iso cómpre vontade política e compromiso coa veciñanza”, concluíu Rosana Pérez.