Bisbarra, 19 de xaneiro do 2021 – A Deputación da Coruña ven de abrir o prazo de presentación de propostas para un Plan Único que investirá na bisbarra 19,2 millóns de euros.
Os concellos teñen ata o día 5 de febreiro para presentar os proxectos nos que queren investir os fondos que a Deputación destina este ano na primeira achega do Plan de Obras e Servizos ( POS+2021).
O presidente so ente provincial, Valentín González Formoso, lembrou que o Plan Único incrementa este ano o seu orzamento inicial un 37%, pasando dos 47,2 millóns de 2020 aos 64,6 millóns de euros. O principal obxectivo será impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia.
Un investimento máis social
O presidente da Deputación subliñou ademais que o documento presenta importantes novidades este ano, como os 14 millóns de euros incluídos no orzamento, que serán destinados en exclusiva a financiar o aumento dos gasto social dos concellos debido á pandemia da Covid-19. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos poden destinar estes fondos.

As achegas destinadas aos concellos da comarca de Compostela oscilan entre os 252.663 € que percibirá Dodro e os máis de 1,6 millóns de Santiago e Ames; Teo e Ordes superan os 900.000 euros e Santa Comba os segue con máis de 800.000. O listado completo da provincia pode consultarse no seguinte enlace.
En total, a achega inicial do POS+2021 distribuirá 19,2 millóns de euros entre os municipios da bisbarra, dos que 4.188.063 destinaranse a gastos sociais e 15 millóns a financiar gasto corrente, obras e investimentos ou amortización de débeda, en función das necesidades concretas de cada municipio.
O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.
2.257 obras financiadas co Plan Único na provincia
Desde a súa creación en 2017, o Plan Único financiou 2.257 obras nos 93 concellos da provincia; contribuíu a sanear as economías dos concellos, reducindo a súa débeda en máis de 11 millóns de euros e converteuse nunha ferramenta imprescindible para a mantemento de numerosos servizos básicos municipais.
Agora o Plan adáptase á difícil situación que atravesamos debido á pandemia, incrementando o seu orzamento en 17,4 millóns para favorecer a reactivación económica e destinando un de cada cinco euros a gasto social, unha das partidas nas que os concellos viron incrementado o seu esforzo inversor durante o último ano, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás na saída da crise.
