Bisbarra, 27 de xuño do 2022 – A finais de xuño os concellos comezan a abrir as piscinas municipais ao aire libre, na bisbarra atopamos moitas ás que acudir e aproveitar para coñecer a súa contorna.
Frades

Unha das das máis bonitas e nun entorno privilexiado é a de Frades. Abriu o pasado venres e o horario será de 15:30 a 20:30 horas (de luns a venres) e de 13:30 a 20:30 horas (sábado e domingo). Despois da nova piscina de chapoteo, aberta o ano pasado, este ano ampliaron a zona verde e de paseo. Entrada de balde, con preferencia para as persoas enpadroadas no Concello.
A Baña
O Concello da Baña inauguraou este domingo a temporada de verán coa apertura da piscina municipal de Agra de Chans, gratuíta ata o vindeiro 4 de xullo, día que comeza o campamento de verán. A piscina estará aberta ata o 15 de setembro. O horario ata o 31 de agosto será de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 21.00 horas de luns a venres (as fins de semana abrirá ás 12.00 horas). No mes de setembro pechará ás 20.30 horas.

Para acceder ao recinto ofrécese un abono mensual de 25 euros (15 euros por dúas semanas), e 45 euros para o abono mensual familiar, costando a entrada dun día solo 2 euros. A entrada será gratuíta para menores de 14 anos.
Boqueixon
A piscina municipal de Boqueixón abría o venres pasado. As instalacións, emprazadas en O Forte, permanecerán abertas ao público ata o vindeiro 5 de setembro en horario de 15.00 a 21.00 horas, de luns a domingo. En caso de mal tempo, a piscina permanecerá pechada. Os prezos dos bonos de 20 entradas son de 6 € (para menores ata 16 anos) e de 12 euros (para maiores de 16 anos). Ademais, ofrécense diferentes opcións de abonos familiares. A adquisición dos bonos deberase facer previo pago ao Concello de Boqueixón no numero de conta ES68 2080 0320 2531 1000 0666. Despois entregarase o recibo ou xustificante de ingreso na piscina municipal, onde se retirará o abono.

Lousame
A piscina municipal da Silva abre hoxe as súas portas cun horario de 15:00 a 21:00 horas. O Concello de Lousame informa de que xa se poden xestionar os distintos bonos de acceso na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 14:00 horas.

Como en anos anteriores, os veciños e veciñas de Lousame poden optar por abonos de tempada ou por entradas puntuais. En ambos os dous casos, os menores de 6 anos teñen a entrada de balde. No caso dos abonos de tempada, os prezos son de 15 euros (para rapazada entre 7 e 15 anos e persoas maiores de 65) e 20 euros (para persoas entre 16 e 64 anos). No caso das entradas puntuais, o prezo será de 1 euro (para rapaces e rapazas entre 7 e 15 anos e persoas maiores de 65) e 2 euros (para xente entre 16 e 64 anos).
Así mesmo, o Concello de Lousame establece unha tarifa reducida para persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social e que contemplan un abono de tempada por 2 euros (para rapazada entre 7 e 15 anos e persoas maiores de 65) e de 4 euros (para persoas entre 16 e 64 anos). Unha tarifa que se aplicará previo informe dos Servizos Sociais municipais.
Ames
Ames foi o concello máis madrugador xa que as piscinas están abertas desde o pasado 15 de xuño. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo.

Outras moitas
Case que cada conello ten unha ou máis piscinas descubertas. Padrón na Escravitude; Teo nos Tilos e Luou; Negreira, Ordes, Vedra… e por suposto Compostela. Santiago abriu xa a pileta infantil de Sar e en xullo abrirá a de adultos xa coa nova cuberta movible que permitirá un uso máis axeitado en inverno pero tamén un verán a salvo da choiva.
