É un dos principais problemas económicos dos concellos, ata o punto de que se preparan para levar aos xulgados unha denuncia para que a Xunta financie o servizo. O Servizo de Axuda no Fogar, SAF, comezou hai anos como unha proba pero converteuse nunha das coberturas sociais máis importantes dos pequenos municipios.
O Pino é un máis dos exemplos que se poden dar sobre este problema. O concello destinará a sufragar o SAF os 93.778,69 euros que lle corresponden da achega provincial do POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios.
Un resumo da situación é que o concello precisa da aportación da Xunta e da Deputación e aínda así terá que aportar con fondos propios cerca de 150.000 euros para completar o custo da asistencia que proporciona o SAF.
A aportación da Xunta, verdadeira responsable do servizo que delegou nos concellos, é insuficiente para cubrir o servizo. A maiores diso os traballadores do SAF, en toda Galicia, demandan melloras salariais. A suma é que o que aportan as institucións non chega para cubrir o servizo pero tampouco para ofrecer un salario digno.
A partida aprobada no PIno servirá para rebaixar os 243.257,76 euros que ten reservado o goberno municipal para financiar o SAF. O Pino ten reservada unha partida de 591.257,12 euros no orzamento do ano que ven para financiar o Servizo de Axuda no Fogar. A estimación municipal é que se prestarán un máximo de 25.072 horas para atender a veciñanza que ten recoñecida a dependencia, tal e como figuraban na licitación deste servizo.
Do orzamento total, o Concello recibirá unas 300.864 euros da Xunta de Galicia e outros 47.135 euros corresponde ao copago que fan as persoas usuarias. Salvo que o goberno autonómico incremente os 12 euros/hora que paga actualmente, como se prevé que ocorra en 2026, o SAF supón para o Concello un desembolso de 243.257,76 euros anuais.
En base ao informe realizado polos Servizos Sociais municipais, o goberno que preside Manuel Taboada propúxolle ao Pleno destinar os 93.778,69 euros do POS+ adicional para gasto social extraordinario a financiar unha parte da aportación que fai o Concello para o SAF. A proposta foi aprobada por unanimidade.
