Ademais do SAF o pleno aprobou a prorroga por un ano do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria cun importe de 149.000 euros

O Pleno do Concello do Pino aprobou adxudicar á empresa Espertar Servicios Sociais o Servizo de Axuda no Fogar, SAF, do municipio durante un ano por un importe que supera os 660.000 euros para un máximo de 28.000 horas de atención ás persoas vulnerables do municipio.
A empresa comezará este novo contrato o 1 de xaneiro do 2026. A proposta da mesa de contratación foi adxudicarlle o SAF por ser a oferta máis vantaxosa para o Concello e agora cubriuse o trámite de que a proposta fora aprobada polo pleno.
O Pino reserva 666.407,80 euros anuais para o SAF, no que se contemplan un máximo de 28.000 horas anuais de atención ás persoas máis vulnerables do municipio nas modalidades de axuda no fogar a través da Lei de Dependencia ou a través da libre concorrencia.
“Este prezo supón para os orzamentos do Concello un incremento o vindeiro ano de 179.595,66 euros respecto da adxudicación que fixemos en 2023, o que representa un incremento do 36,89% de incremento en dous anos, cando o SAF non é un servizo de competencia municipal”, asegurou o alcalde.
Manuel Taboada tamén adiantou que a Xunta ten previsto subir a súa aportación dos 12 euros actuais aos 16 euros en 2026, o que representa só un 33,33% de incremento, inferior ao que debe afrontar o Concello”, asegurou. “Agardo que Xunta e Goberno central se poñan de acordo dunha vez para financiar este servizo como recolle a Lei de Dependencia, porque senón van acabar afogando aos concellos. O SAF xa é o servizo máis caro que temos licitado no Pino, sen ser de competencia municipal”, afirmou Taboada
A oferta presentada por Espertar Servicios Sociais na licitación do SAF inclúe a atención no servizo de dependencia en días hábiles e sábado a un coste de 23,46 euros a hora (ata o de agora pagábase 20,28), que se eleva ata os 25,82 euros/hora en domingos e festivos (20,80 € actualmente). A oferta para a atención no sistema de libre concorrencia ascende a 24,81 euros/hora (agora 21,45 €), en todos os casos co IVE xa incluído.
A mesa de contratación tamén valorou positivamente as melloras en subministro de axudas técnicas que presentou a empresa adxudicataria: 6 camas, 6 grúas, 6 cadeiras de rodas 3 cadeiras sen rodas, 2 colchóns, 3 asentos e 5 limpezas de choque anuais. O punto foi aprobado cos votos a favor do PP (6) e a abstención de BNG (2) e PSdeG (2)
Recollida de lixo e taxas
Na sesión tamén se acordou prorrogar por un ano máis o servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria coa empresa SOL (Servicios, Obras y Limpiezas) cun orzamento de 149.208,38 euros.
O pleno da Corporación tamén debateu hoxe a ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizos de dirección e obra, pola coordinación de seguridade e saúde, inspección e liquidación de obras, que se aplicará naqueles casos nos que os técnicos municipais teñan que desempeñar estas funcións a solicitude dos promotores de obras.
No caso de dirección de obras a cargo dos servizos técnicos municipais, ou contratada polo Concello, o promotor da obra deberá pagar unha taxa do 3,35% do orzamento de execución. No caso da coordinación en materia de seguridade e saúde, a taxa será do 0,85% sobre o orzamento. En ambos casos, esta taxa non inclúe os impostos.
Tamén por unanimidade aprobouse modificar a ordenanza fiscal reguladora da taxa por licencias urbanísticas, que pasa a incluír un quinto apartado. Tras a aprobación de hoxe a ordenanza contempla as seguintes porcentaxes:
O 2,5% do custo real e efectivo da obra civil de tratarse de movementos de terra, obras de nova planta e modificación de estruturas ou aspecto exterior as edificacións existentes. O 1% do curso real e efectivo da vivenda, local ou instalación de tratarse de primeira utilización dos edificios ou a modificación do usos destes. O 2% do valor asignado ós terreos e construcións no IBI nos casos de derrubamentos de construcións. 30,05 euros por metro ou fracción de carteis de propaganda na vía público, e 63,15 euros por tramitación do expediente de segregación ou parcelación urbanística.
O alcalde, Manuel Taboada, destacou que a nova taxa da segregación de parcela supón un aforro importante para a veciñanza, “ao pasar a ter un prezo fixo de 63,15 euros cando ata o de agora se pagaba o 2% do valor catastral que o Ministerio de Facenda lle asignada á parcela”. Estas ordenanzas someteranse agora a exposición pública.


