O Pino, 20 de Nadal do 2017 – O concello de O Pino aprobou cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións do BNG e o Psoe un orzamento de 4 millóns de euros. Na mesma sesión aprobouse un POS No que os socialistas tamén se abstiveron polas dúbidas sobre o destino dos cartos da partida de gasto corrente.
A Corporación do Pino aprobou uns orzamentos para o vindeiro ano que ascenden a 4.020.469 euros. As contas foron aprobadas cos sete votos a favor do equipo de goberno (PP) e a abstención do PSdeG (3) e BNG (1). Segundo explicou o alcalde, Manuel Taboada, para o vindeiro ano mantense o gasto en persoal (16,5% do total de gastos), aumentan o capítulo de investimentos reais ata os 638.515 euros (15,9%) e sube lixeiramente a partida de gastos en bens correntes e servizos (2.218.722 euros, o 55,2% do total), que son os que se destinan ao mantemento dos servizos que presta o Concello e as reparacións e conservación das infraestruturas existentes.
No debate, dende o PSdeG solicitaron que se aclarase o concepto dunha das partidas incluídas nos orzamentos, que facía referencia ao IBI que cobra o Concello do Pino polas instalacións do aeroporto de Lavacolla. Os socialistas tamén criticaron que o único investimento en obras sexa o do Plan Único da Deputación e fixeron fincapé e no chamativo do incremento de 30.000 € na partida de Festas Poulares e Festexos que pasa xa dos 190.000 €.
Obras do POS+ da Deputación
Nas contas para o 2018 están xa incluídas as obras que se financiarán a través do POS+ da Deputación da Coruña, que tamén foron aprobadas na sesión. O montante total desta inversión está preto do millón de euros, si se inclúen os proxectos do plan complementario, e que se executará coas baixas que fagan as empresas adxudicatarias nos demais proxectos.
Así, para o plan único dos concello (POS+ 2018) o Concello do Pino contará para o vindeiro ano con 309.889 euros para destinar a gastos correntes. Outros 178.625 euros destinaranse á renovación de alumeado público, para poñer luminarias de LED, nas parroquias de Pereira e O Pino (81.730), e nas zonas colindantes coa N-547, en Arca, Santa Irene, San Miguel, O Xen, Salceda, A Xesta e Rourís (96.894 euros).
No POS+ tamén se inclúen as melloras de estradas en Rabal e Barcia (60.74 euros), en Pumar e Cabanelas (68.090 €), O Marquiño e Medín (49.045 €), A Xesta e San Mamede (58.053 €) e a senda peonil para mellorar a seguridade vial no acceso ao cemiterio de Arca e a carón da igrexa (68.079 euros).
Postura Socialista
Os Socialistas explicaron a súa abstención dicindo que comparten a necesidade das obras que contempla o Plan, pero cuestionan os 309.889,84€ destinados a Gasto Corrente, “non podemos destinar unha boa parte do POS+ a gasto corrente, cando non sabemos que partidas van a cargo de
ese gasto, votar a favor deste POS sería referendar a maneira de xestionar o fondos públicos do PP local”.
